O aparcamento contempla a substitución do actual pavimento de terra por outro permeable e cunha franxa lateral verde con árbores autóctonas para dar sombra
A Xunta de Galicia concederá unha axuda de algo máis de 50.000 euros ao Concello de Boqueixón para adaptar o aparcamento público de Lestedo aos impactos do cambio climático.

Un dos principais problemas do actual modelo de aparcamento é o chamado efecto illa de calor. O novo proxecto aposta pola aplicación de solucións técnicas e naturais nos espazos urbanos e periurbanos municipais que rebaixen as temperaturas.
A zona foi visitada pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para coñecer sobre o terreo o espazo no que se vai intervir e os detalles da actuación prevista. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e os concelleiros de Obras Públicas, Manuel Fernández Munín, e o concelleiro de Facenda, José Manuel Iglesias.
Actuación
Cun investimento total de 63.000 euros (o 80% cuberto pola achega da Xunta e os 13.000 euros restantes polo Concello de Boqueixón), o proxecto contribuirá a mitigar as altas temperaturas deste aparcamento de 780 metros cadrados.
Unha área moi utilizada tanto por veciños como por visitantes e que nestes momentos está totalmente exposta ao sol pola falta de cubertas vexetais e que conta cun pavimento feito de material pétreo que absorbe e retén a calor.
O proxecto contempla o cambio do pavimento actual por outro permeable, unha mestura de formigón con céspede. “Un pavimento que por un lado permite que creza unha parte de céspede, que mantén a permeabilidade e tamén reduce o efecto illa de calor na zona”, explicou Pablo Blanco, enxeñeiro de camiños da empresa Estudio Técnico Gallego SA.
Ademais, crearase unha franxa lateral verde rodeando a área reservada aos vehículos coa plantación de céspede e exemplares de árbores autóctonas a carón do talude actual, que contribúan á formación de sombra natural para axudar á regulación da temperatura ambiente e tamén de arbustos para delimitar a zona de aparcamento da estrada N-525.
Camiño de Santiago
Ovidio Rodeiro salientou que “estamos case na entrada do Camiño de Santiago en Boqueixón, da Vía da Prata, así que penso que esta iniciativa é unha boa idea. É a primeira vez que se convoca esta liña de axudas e estamos moi satisfeitos de ter sido rápidos e ter chegado a tempo para facer esta actuación e felicitamos á Consellería por poñer en marcha este tipo de programas dirixidas aos concellos”.
Pola súa banda, e tras felicitar ao alcalde de Boqueixón por aproveitar estas axudas pioneiras para facer dun dos espazos urbanos do concello máis utilizados pola veciñanza un lugar “máis sostible e funcional”, Ángeles Vázquez destacou a grande acollida entre o municipalismo da primeira convocatoria desta liña de apoios, dirixida a impulsar solucións naturais en clave local para previr riscos asociados ao quecemento global en espazos urbanos.
No caso da provincia da Coruña, son un total de 11 as entidades locais beneficiarias, entre elas, Boqueixón, que executarán 13 proxectos e obras subvencionadas con arredor de 630.000 euros co obxectivo de intervir en espazos públicos para atenuar o efecto illa de calor, incrementar os espazos verdes e a biodiversidade urbana existentes e fomentar a conectividade natural entre as zonas urbanas e periurbanas aproveitando treitos fluviais e sendas.
Entre un 40% e un 70% das emisións GEI
Cómpre lembrar que o obxectivo desta liña de axudas pioneira é avanzar no obxectivo de dotar ás zonas urbanas de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas tendo en conta que se estima que nas áreas máis poboadas se xeran entre un 40% e un 70% de todos os gases de efecto invernadoiro (GEI).
A existencia destas contornas naturais, de feito, repercute na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía polos beneficios que reportan para a saúde e pola sociabilidade, ao ser tamén espazos de encontro e lecer colectivo.