Bisbarra, 12 de decembro do 2023 – Os concellos avanzan nas melloras urbanas e si Boqueixón inviste no alumeado das instalacións deportivas, Ames ven de adxudicar a mellora das beirarrúas da avenida da Maía.
Boqueixón destina 130.000 euros a unhas melloras que suporán un 62% de aforro enerxético. A obras de Ames suporá 300.000 euros de investimento e contempla non solo o cambio das beirarrúas se non tamén a súa ampliación.
Boqueixón mellor iluminado
Boqueixón centra a mellora das instalacións de alumeado nos recintos deportivos. “Un investimento que permitirá que a veciñanza poida gozar dunhas mellores instalacións, que o Concello poida aforrar ata un 62% na factura mensual da luz e que todos desfrutemos coidando do noso medio ambiente, ao reducir as emisións á atmosfera e usar material totalmente reciclable”, explica o alcalde, Ovidio Rodeiro.
Isto será posible grazas ao cambio dos antigos proxectores de halogenuro metálicos por unhas modernas luminarias de tecnoloxía LED, con protección fronte a impactos. Así, mantendo a mesma tensión, as novas tecnoloxías permitirán reducir o consumo en case un 79%, ao pasar de 28.305 W a 6.000 W.
Mellores beirarrúas na avenida da Maía de Ames
Ames busca mellorar a principal avenida de Bertamiráns, a da Maía. Ademais das beirarrúas, colocarase baldosa de formigón vibrado e unha capa de xabre. Como elementos de separación co viario incluiranse tamén bordos de formigón prefabricado e as súas respectivas cunetas.
Os vaos para vehículos ao seu paso polas beirarrúas resolveranse coa colocación dun pavimento de 20 centímetros de formigón, impreso con malla electrosoldada e fibra de nailon, sobre unha capa de 10 centímetros de xabre. O acabado superficial resultante simulará o corte da baldosa de granalla.
Pola súa banda, nos pasos de peóns disporase de pavimento táctil direccional e de botóns segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente.
A ampliación implica a reposición de 9 arquetas con sumidoiros, a colocación de 3 novas, a adaptación á nova rasante de 7 pozos de rexistro e o retranqueo de 9 luminarias. Así mesmo, tamén se contempla a reposición da canalización da iluminación pública a base de tubo de polipropileno.
O mobiliario urbano consistirá nunhas xardineiras de fundición rectangulares, para a plantación de arbustos ornamentais e plantas aromáticas, e outras de fundición esféricas, para a plantación de árbores de sombra. Tamén se disporán 4 bancos de formigón con asento e respaldo de madeira e unha varanda de aceiro inoxidable para a contención de peóns.