Compostela, 12 de febreiro do 2024 – A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, El Corte Inglés de Compostela e o Concello de Boqueixón promocionan o produto no centro comercial ata o 13 de febreiro.
Durante estes días unha filloeira de Lestedo elaborará no centro comercial e en directo este produto tradicional da gastronomía galega tan típico do Entroido. Na presentación participaron o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato; a directora de El Corte Inglés de Santiago, Cristina García; a directora rexional de Comunicación de El Corte Inglés Galicia–Asturias, Fuencisla Cid; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal.
Ovidio Rodeiro agradeceu a colaboración de El Corte Inglés na promoción da Festa da Filloa de Lestedo, declarada de interese turístico de Galicia. “Para o Concello de Boqueixón é un orgullo levar case unha década co apoio de El Corte Inglés para poñer en valor un produto tan noso e tradicional como é a filloa de Lestedo”, sinalou o rexedor.
Pola súa banda, Fuencisla Cid referiuse ao compromiso de El Corte Inglés con Galicia. ”Esta colaboración é resultado do noso vínculo coa cultura galega. Queremos tamén enxalzar a tradición e brindar experiencias auténticas aos nosos clientes. A filloa de Lestedo conta cun valor gastronómico singular, sendo un produto de elaboración artesanal destacado que non pode faltar nestas datas de Entroido”.
Finalmente, José Manuel Canabal puxo en valor este acción xa que “permite lembrarlle aos milleiros de persoas que pasan cada fin de semana por El Corte Inglés que o domingo 18 de febreiro teñen unha cita coa Festa da Filloa de Lestedo, o que nos axuda a sumar cada ano máis visitantes a esta festa, que comezou sendo unha festa parroquial pero que xa é de pleno dereito un dos referentes gastronómicos de Galicia”.