Vedra, 29 de abril do 2017 – O BNG tramitará no concello de Vedra a solicitude de que o concelleiro Roberto Castro Rocamonde pase a ser non adscrito.
O Bloque lembra que o pasado día 11 de abril solicitou deste concelleiro a renuncia á acta, tras constatar que este xa non comparte o proxecto nacionalista que representa o Bloque. A esta altura aínda non recibiu do concelleiro resposta algunha.
O BNG quere subliñar, en todo caso, que a non entrega da acta supón un incumprimento do código ético que el mesmo asumiu cando aceptou integrar a candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Vedra, código no que expresamente se recolle que “as persoas que exercen cargos públicos comprométense a respectar, con independencia do que ditaren as cuestións legais, o criterio da organización de que as actas pertencen ao BNG”.
Para os nacionalistas o acaído tería sido que o propio Roberto Castro devolvera a acta para que correra a lista, e puidera exercer o labor municipal unha persoa que si se identifique co proxecto político que o BNG ten para o concello de Vedra e para o conxunto do país.