[columns]
[column size=”2/3″]O BNG Asembleas Abertas de Vedra envía unha “Carta aberta ao Alcalde” e a todos os veciños e veciñas denunciando a ausencia de medidas para frear a perda de habitantes no concello[/column]
[column size=”1/3″]Fonte: BNG Vedra[/column]
[/columns]
Vedra, 16 de novembro do 2016 – O BNG Asembleas Abertas de Vedra vén de denunciar, nunha carta aberta remitida ao alcalde e a todos os veciños e veciñas, a perda de habitantes por debaixo dos 5.000, a ausencia de políticas para evitar esta caída e as consecuencias que isto terá, desde unha redución dos ingresos que percibe o concello até a diminución do número de concelleiros/as.
A denuncia do BNG-Asembleas Abertas de Vedra prodúcese logo de que o alcalde remitira unha comunicación aos veciños e veciñas alertando desta situación e pedindo axuda para evitar que se faga efectivo, no cómputo anual de habitantes do padrón municipal –que se realiza todos os anos a mes de decembro-.
Así, na carta lembran que desde 2007 o BNG-A.A leva intentando activar políticas municipais de carácter estrutural, que eviten a perda de veciños. “Desde que vostede goberna, intentámolo desesperadamente” afirman e engaden que era tan previsible o desenlace, que semella “que é unha opción política en si mesma”.
Neste sentido o BNG-A.A entende que baixar dos 5000 habitantes facilitaralle ao PP sucesivas maiorías absolutas, por dous motivos: o primeiro que manterá a proporción de votantes, xa que os que marchan son os outros e porque desaparecerán dous concelleiros/as, “precisamente os que saen con menos votos (polo tanto, non serán das listas do PP), polo que porcentualmente, incrementará a súa maioría absoluta no pleno”.
Perda de 100.000 €
Con todo, para o BNG-AA o máis preocupante desta perda de habitantes é a consecuente perda de 100.000 € e xa que logo as maiores dificultades económicas que terá o concello para manter servizos como o de madrugadores nos colexios ou a gardería.
Por iso acusa o alcalde de “dunha maneira consciente ou inconsciente”, desincentivar a fixación de poboación nativa e “espantar” o establecemento de novos veciños.
Para demostralo, o BNG-AA lembra que desde que gañou a alcaldía “négase sistematicamente a modificar o PXOM”, o que dificulta reestruturar os núcleos; considera “demagoxia” fomentar o transporte público como fan outros concellos da contorna; negouse en redondo a reducir o importe do IBI, e só aceptou a proposta do BNG coa condición de a aprobaran en Madrid; negouse a aprobar un plan de recollida de lixo que propuña baixar a taxa a aquelas familias que demostraran que compostaban ou a aprobar un plan de autosuficiencia enerxética apostando por enerxías alternativas, entre outras.
O BNG-Asembleas Abertas convida por último ao alcalde a revisar os tres últimos programas do BNG, que si contemplaban propostas para evitar a caída poboacional se quere adoptar medidas reais e anuncia que non colaborará nun paripé do que o Partido Popular e nomeadamente o seu alcalde é responsábel.