Trazo, 3 de abril do 2017 – O BNG de Trazo decidiu no último pleno votar en contra do PXOM e dos orzamentos do concello ante as “chafulladas” presentadas polo equipo de goberno.
O BNG explica en nota de prensa que a comunicación para revisar toda a documentación relativa a estes asuntos a recibiron dous días antes polo que so dispuxeron de dúas mañás para revisar centos de páxinas e no propio concello xa que se lles negou unha copia. Xa no último pleno quedara reflectido en acta a negativa do Partido Popular a entregar copia dos proxectos tal e como solicitaban os nacionalistas.
O BNG solicitara hai 3 semanas unha moción solicitando a creación dunha comisión de urbanismo na que participaran tódolos partidos con fin de consensuar a aprobación do PXOM. Moción que foi finalmente rexeitada.
En palabras do voceiro nacionalista, Martín Rei, ”non foi hai uns días nin unhas semanas, foi hai dous anos no pleno de organización que fixemos a proposta de crear unha comisión de urbanismo co fin de sacar adiante o PXOM. Mais o PP estaba máis preocupado en quitarnos do medio e fixar os seus cuantiosos salarios e rexeitou esa proposta”.
Tamén o voceiro Martín Rei recalcou a obstrución do Partido Popular na súa labor na oposición e criticou que “o único ao que se dedicou o Partido Popular con respecto ao PXOM foi malgastar os cartos dos veciños e veciñas de Trazo en pagarlle a empresas que fixeron documentos chafulleiros e unha vez feito iso aprobalos sen facerlle ningún caso á oposición. Historia que se repite unha e outra vez”. Finalmente rematou pedindo que se retirara o punto da orde do día, ao que se opuxo o PP que fixo valer a súa maioría para aprobar o documento.
No referente ao Orzamento 2017 a dinámica foi a mesma, na que o BNG criticou especialmente as malas prácticas do PP e recalcou que “non hai ningún concello na nosa contorna que poña tantos atrancos á oposición coma o PP de Trazo” e comparou a situación como máis propia do franquismo que do 2017.