Bisbarra, 26 de xaneiro do 2024 – Cando non é a falta de médicos son as infraestruturas, o Centro de Saúde de Santa Comba súmase á longa lista de ambulatorios con problemas na bisbarra.
O BNG de Santa Comba urxe a tomar medidas no Centro de Saúde despois de catro incidentes coas caldeiras en menos dun mes. O voceiro nacionalista, Juan David Sixto, demanda unha inmediata solución.
Sixto engade que “a situación é crítica e é necesario tomar medidas xa porque corremos o perigo de que poda suceder un accidente de gravidade con risco para as persoas”. O Centro de Saúde sufriu dous incidentes en decembro e dous en xaneiro, agravando a preocupación tanto do persoal que traballa nas propias dependencias coma no PAC, así como das persoas usuarias.
Os nacionalistas sinalan que os informes de investigación emitidos polo propio SERGAS despois dos incidentes cualifícanse tres de leves e un de grave e sitúan a causa nas deficiencias atopadas nas caldeiras da calefacción que provocan unha mala combustión e xeran grande cantidade de fume.
Juan David Sixto lamenta que non se tomaran medidas pese as súas denuncias do ano pasado “Nós xa denunciamos en repetidas ocasións o lamentable estado do centro e, concretamente, os problemas ocasionados pola mala combustión das caldeiras que podían chegar a ser graves. A última vez a fins de novembro, cando recibimos a visita da deputada do BNG, Iria Carreira, que trasladou o problema ao Parlamento”.
Nos informes emitidos despois dos incidentes proponse, debido a repetición de episodios perigosos e o risco de incendio, anular o sistema de calefacción e instalar outra que cumpra a normativa e os requisitos de seguridade.
Pola súa parte, a CIG-Saúde, emitiu outro informe no que se expoñen as deficiencias observadas, algunhas “de extrema gravidade” e demanda actuacións preventivas como a reparación as caldeiras ou a revisión e posta en funcionamento da central de alarma.
“O BNG presentou emendas aos orzamentos para que a Xunta responda á demanda da veciñanza para poñer fin ao gravísimo deterioro de dous servizos esenciais para o concello, non só do Centro de Saúde senón tamén do colexio pero, como vemos, o PP non tomou nota”, explicou Sixto.
Ademais do estado das caldeiras, o BNG denunciou o deterioro xeral do Centro de Saúde con graves problemas como as pingueiras de auga que caen en todo o centro obrigando mesmo a colocar baldes en determinadas localizacións para conseguir que os pacientes non escorreguen ou o estado das xanelas, con dificultades para abrir e pechar.
Á reclamación de novembro sumábase a creación dunha aula para a preparación ao parto para a que xa se anunciara un convenio entre o concello e o Sergas, mais do que a día de hoxe aínda non houbo noticias, e tamén a necesidade de habilitar novos espazos para consultas xa que, neste momento, algúns profesionais teñen que compartir espazo para atender ás persoas usuarias.
“É incríbel que todo siga igual e que atopemos un centro de saúde, que ten como obxectivo coidar e protexer ás persoas, e que incluso atende a persoas de Mazaricos no PAC, que se mantén nunha situación tan lamentábel. Desde o BNG xa insistimos en moitas ocasións na urxencia de facer melloras necesarias e seguiremos até conseguir espazos dignos para a veciñanza”, sinalou Juan David Sixto.