Bisbarra, 26 de setembro do 2023 – O Parlamento de Galicia rexistrou unha serie de iniciativas, impulsadas polo BNG, para que a Consellería de Educación acometa arranxos urxentes no CEIP de Sigüeiro en Oroso.
O Colexio de Educación de Infantil e Primaria (CEIP) Sigüeiro de Oroso foi inaugurado en 1979. Ao longo da súa historia sufriu varias reformas e na actualidade acolle a 400 rapaces da cotorna. A Deputada nacionalista Iria Carreira explica que “É necesario garantir tanto ao alumnado do centro como aos mestres e mestras unhas condicións dignas para a actividade docente, como unha temperatura axeitada ou espazos cubertos que non permitan o paso das chuvias”.
O BNG advirte que o edificio conta a día de hoxe cunha “serie de eivas e carencias de carácter estrutural”, entre as que menciona a renovación da cuberta “que presenta filtracións”, ventás que non illan de xeito adecuado ou portas en mal estado. Ademais destes arranxos, reclaman a renovación de caldeiras ou a colocación dun ascensor para garantir a accesibilidade de todas as persoas que utilizan o centro.
Entre as iniciativas nacionalistas figura unha proposición non de lei na que se pide á Xunta que inclúa o CEIP Sigüeiro no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, para a realización, cando menos, do cambio de cuberta, a renovación de caldeiras, a substitución de fiestras e portas en mal estado e a colocación dun ascensor. Carreira lembra que o Bloque xa ten solicitado con anterioridade estas melloras ante diversas instancias, tamén a través de emendas presentadas aos Orzamentos da Xunta “que foron desatendidas e votadas en contra polo Partido Popular”, lamenta.