Ordes, 7 de abril do 2017 – O BNG de Ordes denuncia que este venres 7 de abril, cúmprense tres anos desde que se formalizou a reversión ao concello de Ordes do centro comarcal, sen que fose aínda utilizado ata o día de hoxe.
O BNG de Ordes reclama a posta en marcha dun viveiro de empresas no mesmo e sacar a concurso a xestión da cafetaría existente en ditas instalacións
O portavoz do BNG, Pablo Vidal, considera “inaudito que o alcalde non poña en funcionamento esas instalacións e si se apresurase a destinar 600.000 € de fondos públicos para construír un centro sociocomunitario”. Na súa opinión “antes de construír novos edificios, débese comezar por dar senso e poñer en valor as edificacións baleiras das que dispón o concello de Ordes”.
Para Vidal “o centro comarcal é idóneo para poñer en marcha un viveiro de empresas cunha inversión mínima, o cal contribuiría a paliar o elevado desemprego que asola o concello de Ordes”.