Bisbarra, 19 de setembro do 2022 – O BNG preguntou no Parlamento de Galicia pola recente restauración da pointe medieval de Melide que cualifica de “intolerable reinvención”.
O parlamentario Mini Rivas considera que “A actuación realizada sobre a ponte medieval de Furelos en Melide, non é unha restauración e si unha reinvención ou reinterpretación dun monumento patrimonio de todos e todas a todas luces intolerable”.
A Directora Xeral de patrmonio, María del Carmen Martínez Insua, lembrou que os traballos foron realizados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Dixo tamén que mantiveron unha soa reunión coa Dirección Facultativ da obra.
Rivas insistiu na súa intervención na responsabilidade na vixianza dos traballos por parte da Xunta preguntando “Onde estaba Patrimonio e o seu labor de custodia do que é de todos e todas e conforma a memoria identitaria colectiva? E agora que facemos? Laiamos”.
O Deputado cualifica os traballos realizados de “chapuza” e engade que non resolve os danos estruturais da ponte “Non facía falta facelo con cemento, as pedras estaban alí, só había que colocalas e afincalas como se facía antes; pero non estaba contemplada esta actuación e tampouco a de corrixir as fisuras, pois daquela que estaba contemplado: lavarlle a cara e botarlle maquillaxe?”.
Mini Rivas lembrou ademais que a Xunta tamén desoíu as advertencias sobre os erros da intervención realizadas polo propio Museo Terra de Melide en reunións de traballo nas que se chegaron a acordos “que nunca foron cumpridos a excepción da colocación da pedra vertical nos peitorís da ponte, que si foi corrixida”.
Neste sentido, considerou incomprensible que os tallamares e os esporóns da ponte quedaron sen reconstruír e seguen en ruínas, cuestión sobre a que advertiu xa que, segundo recalcou, “cando as enchentes veñan e presionen os piares sen elementos disuasorios que corten a forza das augas, as pedras maquilladas non van achegar seguridade ao elemento arquitectónico; en todo caso, máis peso, porque os petrís foron aumentados esaxeradamente en altura”.
Logo de advertir tamén que o empedrado descuberto na ponte durante as obras non foi conservado e non se deixou coma mostra do orixinal, que a pedra empregada na actuación foi allea á zona e que o miradoiro “non ten razón de ser ningunha porque tapa a visión da ponte ao que vén camiñando”, o deputado do BNG reprobou que se perdera “unha oportunidade de ouro” para facer que a actuación fose encamiñada, primeiro, a corrixir os problemas estruturais que ten a ponte e, despois, para efectivamente restaurala e poñela en valor. “É triste que o que se utiliza dende o Goberno galego como símbolo de tantas cousas -en referencia ao Camiño- estea maltratado así nos seus elementos principais”, concluíu.