Ordes, 22 de novembro do 2017 – O BNG de Ordes detecta irregularidades no proceso de selección do alumnado traballador/-a do obradoiro de emprego “Ordes-Frades II”.
Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, sinala que “varias persoas foron notificadas de que foran preseleccionadas o mesmo día no que remataba o prazo para a presentación da documentación puntuable segundo as bases”.
Vidal expón que “esta situación vulnera totalmente a igualdade de oportunidades que debe existir en calquera proceso de selección, posto que existe xente que non recibiu a puntuación que merecía ao non poder presentar a citada documentación en prazo”.
Os nacionalistas veñen de rexistrar un rogo para o pleno que se celebrará este venres, onde instan ao alcalde a que emprace ao grupo de traballo mixto do obradoiro de emprego a “repetir o proceso ou cando menos, abrir un prazo para que estas persoas afectadas podan presentar a correspondente documentación e ser puntuadas como realmente merecen, garantindo a igualdade de oportunidades”.