Bisbarra, 26 de xaneiro do 2024 – O estado das estradas na bisbarra é unha preocupación constante dos concellos polos riscos de seguridade que poden provocar. Que dependan de ata 4 organismos distintos (concellos, deputacións, xunta e goberno central) non axuda a súa conservación.
O BNG da Estrada e o goberno municipal de Oroso veñen de reclamar arranxos e sendas carreteiras de estes concellos. Na estrada de Portela a Souto de Vea, que depende da Deputación de Pontevedra; e en Oroso na N-550 que depende do goberno central.
No caso da Estrada os nacionalistas denuncian os problemas que xera o volume de tráfico pesado que pasa pola EP-8401. Esta mesma semana a estrada estivo cortada durante horas, co tendido telefónico desfeito, deixando sen cobertura a toda a zona, e danos materiais nunha casa, ademais do vehículo de grandes dimensións sinistrado.
A veciñanza de Souto de Vea calcula que en ocasións chegan a sufrir o paso de 1.000 vehículos diarios xa que é a conexión con Santiago. O BNG esixe á Deputación de Pontevedra que tome medidas de calmado de tráfico e que disuadan ao tráfico pesado de tomar esa ruta.
Oroso e a n-550
A petición de melloras na nacional 550 en Oroso ven apoiada polo pleno municipal. O Partido Popular, que goberna en Oroso, presentou unha moción para instar ao goberno central a que arranxe á estrada ao seu paso polo concello. Moción aprobada cos votos tamén de PSdeG e BNG.
Na súa exposición, a moción fai referencia ao estado deplorable da N-550 en moitos dos seus puntos, presentando multitude de rachaduras no seu firme, fochancas, ocos e demais complicacións, así como en todo o seu conxunto.
O alcalde, Alex Doval, adianta que seguirá demandando ao Goberno Central as actuacións necesarias para o seu arranxo o tempo que faga falta xa que se trata da vía que vertebra o concello e trasladará os reclamos ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible do goberno de España, á Delegación do Goberno en Galicia e á Subdelegación do Goberno na provincia de A Coruña.