A Estrada, 16 de abril do 2017 – O BNG da Estrada ven de denunciar nun comunicado o reparto de axudas dos orzamentos por destinar 10.000 euros a procesións e tan só 3.000 a escolas públicas.
Para o BNG da Estrada a listaxe de subvencións nominalistas integradas dentro do proxecto de orzamentos de 2017 que preparou o grupo de goberno da Estrada están feitas de xeito arbitrario, sen rigor e co único criterio de beneficiar a determinados colectivos vinculados ao PP.
Para o BNG da Estrada esta arbitrariedade é a única explicación para que o PP outorgue 10.000 euros do erario público á Confraría da Santa Cruz, é dicir, á igrexa católica, que organiza unha evento ao longo de todo o ano, cuxo retorno social e económico é nulo. Os nacionalistas explican que en contraste con este dispendio os colexios e institutos públicos do concello só reciben 3.352 € de subvención, importe total que se reparten entre os seis colexios e tres institutos en cantidades que oscilan entre os 168 € do CEIP Cabada Vázquez de Codeseda até os 1.200 € do IES Nº 1.
O BNG destaca tamén o importe da subvención que reciben entidades que traballan en sectores económicos en crise, como poden ser o sector primario (COASTRA, Gandeiros Estradenses e Monte Cabalar) ou ACOE, en comparación co que recibe a citada cofradía relixiosa. Neste caso a diferenza é positiva para as entidades socio-económicas, pero para os nacionalistas a diferenza é tan escasa (14.000 € no caso das cooperativas agrarias, 15.000 € no caso de ACOE), que demostra as prioridades do goberno municipal do PP, que non pasan, segundo os nacionalistas por primar os sector agro-gandeiro e a educación pública.
O turismo é outra das actividades que tamén se verá prexudicada no reparto de subvencións. Así, Mar de Compostela, a asociación que aglutina a todas as casas de turismo rural do concello, só recibirá un total de 3.000 € para as súas actividades de promoción.
Máis cartos para procesións que para axuda social
O BNG destaca tamén a diferenza que existe entre a citada entidade que organiza as procesións de semana santa coas que reciben outras entidades como poden ser a Cruz Vermella (1.000 €) ou outras vinculadas á igrexa católica como é Cáritas, que recibirá un total de 4.500 €, fronte aos 10.000 € para a Cofradía da Santa Cruz.
Desde o BNG da Estrada manifestan que a axuda social ás persoas máis necesitadas ten que partir das entidades públicas, sexan estas os concellos ou a Xunta de Galiza, pero é un feito que Cáritas atende as necesidades dun número moi importante de persoas en situación de risco social e económico, e por iso que non entenden que se dean máis cartos para procesións que para as entidades que traballan os 365 días do ano, e cuxo retorno social é incuestionábel.