Bisbarra, 18 de xullo do 2023 – O Bloque nacionalista Galego daba este luns unha rolda de prensa no Parlamento para denunciar a “campaña de acoso” contra o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, TSXG.
O Deputado Luís Bará afirmou que os ataques ao TSXG están “promovidos pola Xunta” e dirixidos desde “a Consellería de Industria coa participación da empresa Greenalia, a patronal eólica e a Confederación de empresarios “.
Este ataque, explicou o nacionalista, xa tivo resposta dende a sala de goberno do TSXG defendendo a independencia das decisións xudiciais e reclamando “respecto” ao que sumou o pronunciamento da Asociación de Xuízas e Xuíces para a democracia na mesma liña.
Bará explicou que a campaña, ademais de atacar as sentencias, vai máis alá mesmo con “ataques persoais ao maxistrado, Luís Villares” acusándoo de imparcialidade.
Bará lembrou que no ano 2022, Villares foi recusado pola empresa Greenalia, recusación desestimada polo TSXG. Neste sentido, recalcou que todas as sentencias que anulan os proxectos eólicos “foron aprobadas por unanimidade” da Sala do Contencioso Administrativo e Luís Villares “non foi o relator de ningunha delas”.
En opinión do deputado, a campaña de acoso ao TSXG responde á intención de “presionar” ao tribunal xerando ruído mediático para alertar sobre as consecuencias económicas que provocarán as sentenzas de anulación dos proxectos. Pero sobre todo, para desviar a atención sobre “as irregularidades cometidas pola Xunta”.
O “modus operandi da Xunta favorecendo os intereses das grandes empresas foi o que verdadeiramente creou inseguridade xurídica e non as sentenzas do TSXG” afirmou.
Cascada de sentenzas contra o modelo eólico da Xunta
Para a deputado, estamos ante “un vendaval xudicial” que pon ao goberno da Xunta contra as cordas cunha sucesión de sentenzas que comezou coa primeira da Serra do Iribio, por intentar dar por boa unha avaliación ambiental caducada e “en Rede Natura”, sentenza que ademais foi ratificada polo Tribunal Supremo.
A segunda anulou o proxecto en Sasdónigas por fraccionar o proxecto, e agora estamos ante outras 3 sentenzas que afectan ao Parque do Roncudo en Corme, por reducir os prazos de información pública, de 30 a 15 días e sen informes sectoriais, cuestión en litixio porque a patronal defende que non son precisos.
Ademais, os 3 grandes parques eólicos de Greenalia en Santa Comba, Carballo e Coristanco, Campelo, Bustelo e Toural, tamén foron anulados polo TSXG por unha fragmentación irregular. Concretamente no do Toural, explicou Bará, é ponente Luís Villares pero o Tribunal considera que o proxecto foi presentado como tres parques diferentes cando en realidade “é o mesmo dividido”. Por outra banda tamén foi suspendido cautelarmente o da Lagoa II en Santa Comba e Zas.
O parlamentario asegurou que as sentenzas provocarán a parálise do sector eólico despois da paralización do concurso eólico do bipartito do ano 2008 anulado no ano 2010 coa chegada do PP á Xunta e que paralizou o sector durante 8 anos.
A inseguridade xurídica, dixo Bará, está provocada polos cambios “arbitrarios” da lexislación por parte da Xunta sobre impacto ambiental e a anulación dos proxectos traerán aparelladas consecuencias económicas pola solicitude de indemnizacións por parte das empresas de investimentos e lucro cesante.
Nesta liña indicou que a Xunta xa pagou máis de 3,5 millóns de euros por proxectos anulados no concurso do 2008 e agora, empresas como Greenalia reclaman investimentos por valor de 5,7 millóns de euros no parque de Campelo. O nacionalista exixiu que a Xunta “pare a campaña de acoso ao TSXG, rectifique a súa política eólica e cumpra coas máximas garantías legais e xurídicas nos novos proxectos para evitar que sexa o Tribunal Superior de Xustiza quen poña as cousas no seu sitio garantindo o cumprimento estrito da lei”, concluíu.