Núcleo histórico, Santuario de referencia do Camiño Portugués e un dos lugares máis perigosos para os peregrinos e dos máis esquecidos durante anos. Agora o BNG levará ao Congreso dos Deputados a petición dun plan integral de mellora para a Escravitude en Padrón.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a voceira municipal, Beatriz Rei, lembran que a veciñanza continúa sen unha resposta efectiva malia as reiteradas reclamacións realizadas nos últimos anos.

A N-550 atravesa o núcleo histórico de Escravitude, onde se atopa o Santuario e outros elementos de alto valor patrimonial e cultural, moi frecuentados por peregrinos e visitantes. Porén, a accesibilidade e a seguranza viaria son moi deficientes, con ausencia de beirarrúas axeitadas e unha convivencia perigosa entre vehículos e persoas.
Deputado e concelleira realizaron unha visita ao lugar na que Nestor Rego afirmaba que “Estamos a falar dun tramo urbano dunha estrada estatal que carece das mínimas condicións de seguranza e accesibilidade. Non se pode seguir adiando unha actuación que é urxente e xusta para a veciñanza e para todas as persoas que transitan por Escravitude”.

Rego indicaba tamén que o BNG trasladará esta problemática ás Cortes do Estado mediante iniciativas parlamentarias dirixidas ao Ministerio de Transportes. Pola súa banda a concelleira Beatriz Rei lembra que no pasado mes de xaneiro a veciñanza presentou no Concello un escrito avalado por 370 sinaturas, reclamando un plan de humanización do núcleo “A complexidade administrativa non pode servir de escusa para a inacción. É preciso coordinación entre o Ministerio, ADIF, a Xunta e o Concello para dar unha solución real”.
Entre as demandas veciñais figuran a dotación dunha rede de saneamento, a construción dunha glorieta na N-550 na intersección coa estrada que sube cara Queiruga, a ampliación das beirarrúas nun dos marxes da estrada e a negociación con ADIF para a cesión de terreos ferroviarios en desuso que permitan crear espazo público e zonas de estacionamento.
Néstor Rego denuncia a falta de avances malia os compromisos adquiridos polo actual alcalde de Padrón. “A veciñanza leva anos presentando reclamacións e recordatorios sen obter respostas claras. Non se trata dunha demanda nova nin caprichosa, senón dunha necesidade básica para garantir a seguridade e a calidade de vida” indica.
O BNG insiste que a humanización da N-550 ao seu paso por Escravitude debe ser unha prioridade e reclaman vontade política e prazos concretos para desbloquear unha actuación fundamental para Padrón. “Non imos deixar soa á veciñanza. Seguiremos presionando nas institucións para que esta demanda sexa atendida dunha vez”.
