Teo, 28 de xaneiro do 2017 (fonte BNG Teo) – O Grupo Parlamentar do BNG presentou por petición do BNG de Teo unha enmenda ao Proxecto de Orzamentos da Xunta para incluir a construción e posta en funcionamento dun CENTRO DE DÍA para a atención dos veciños e veciñas de Teo que o precisen.
O BNG mantivo unha reunión coas asociacións do concello para solicitar a súa colaboración na campaña de sensibilización e iniciaron a recollida de sinaturas nos centros de saúde de Cacheiras, Os Tilos e Calo.
O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández, afirmou que a dotación dun Centro de Día é unha vella demanda e “unha débeda histórica” cos veciños e veciñas de Teo, un concello cunha poboación de 18.505 persoas censadas, entre as cales 3.131 maiores de 64 anos, que estivo a punto de ser satisfeita na lexislatura 2007-2011.
O goberno municipal de Teo xa tiña na altura dados todos os pasos para conseguir a dotación deste servizo que desde o BNG consideran “básico”: cesión da parcela, proxecto elaborado, sinatura do convenio coa Xunta de Galiza, etc. Só faltaba adxudicar a obra. Mais a chegada do Partido Popular á Xunta frustrou as expectativas. Nuñez Feijóo anulou o convenio e concedeu o centro de día a un concello gobernado polo seu partido.
A campaña de sensibilización estenderase até despois do verán, periodo no que o BNG de Teo promoverá distintas iniciativas para lograr apoios cos que lograr esa dotación tan necesaria para o concello.
Tamén promoven unha recollida de sinaturas a través das redes sociais mediante un formulario compartido no seguinte enlace: https://goo.gl/forms/dBuI3EaaKeS9eWnO2