Compostela, 5 de xaneiro do 2023 – O BNG pedirá o apoio do Congreso e da FEGAMP para cambiar a Lei de Hidrocarburos e evitar a instalación de gasolineiras en lugares non habilitados nos plans xerais de ordenación municipal
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, mantiveron un encontro coa veciñanza da urbanización de Brandia afectada polo proxecto de instalación dunha gasolineira. Na reunión comprometéronse a impulsar unha iniciativa que permita cambiar a Lei.

Néstor Rego lembrou que o BNG presentou iniciativas no Congreso “para modificar a Lei do sector de hidrocarburos do ano 1998, en concreto o artigo 43.2 que vulnera, ao noso xuízo a autonomía municipal e facilita que en espazos comerciais e, por tanto, próximos a zonas residenciais se poidan instalar complementariamente gasolineiras”.
Rego engade que xa rexistraron no se día unha proposición non de lei en este sentido cando comezou o conflito e comprometeuse “volver presentar agora unha proposición de lei para modificar, xustamente, ese artigo e restaurar a autonomía municipal e, en función do estabelecido nos plans xerais, que a instalación de gasolineiras se faga en lugares adecuados que non afecten a zonas residenciais nin creen problemas para as persoas, de seguranza ambiental ou de colapso de tráfico, como é este caso”.
Pola súa parte, Goretti Sanmartín afirmou que vai trasladar unha proposta á Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP, co fin de que tamén reclamen unha modificación desta norma estatal “Para o BNG, trátase dunha inxerencia na autonomía municipal que vai en contra dos intereses das administracións locais e dos intereses da veciñanza para, simplemente, beneficiar os negocios de venda de combustíbeis”.
Sanmartçin engade que resulta evidente que hai “un clamor en contra da instalación destas gasolineiras que agora proliferan por todos os lugares amparándose nesta norma estatal e, concordando co espírito da modificación do PXOM de Santiago que se está tramitando e que vai impedir, en todo caso, que as gasolineiras se instalen en zonas residenciais, a cuestión fundamental é que esta aprobación do PXOM pode ter enfronte unha normativa estatal de carácter superior que continúa amparando esta localización irracional das gasolineiras en zonas residenciais”.