Bisbarra, 4 de xaneiro do 2023 – Unha das citas imprescindibles do ano chega este xoves coa visita dos Reis Magos aos concellos da bisbarra.
Como Magos que son estarán na maioría dos concellos, mesmo ao mesmo tempo en máis dun. Os cativos terán que conter os nervios mentres pensan se quedou algo por pedir, si a carta chegaría ou si traerán todo o só unha parte do demandado.
Compostela será un dos puntos nos que se concentre máis xente. Se o tempo acompaña a Cabalgata de Reis Mago volverá a ser unha festa ue cruza a cidade. Unha comitiva de cinco carrozas comporán o desfile das súas maxestades ambientadas nos contos populares de O Bosque Encantado, Cincenta, A Bela Durminte, Aladín e o Soldadiño de Chumbo.
Completan a comitiva sobre rodas o autobús da CRTVG acompañado dos Bolechas e o Xabarín, a furgoneta de Pecados de Compostela así como o habitual Tren Turístico compostelán que levará a cativos e maiores ao longo do percorrido.
Tamén acompañarán os Reis Magos bonecos xigantes de Culturactiva, animación con zancos e música de Troula Animación e a presenza dun conxunto de personaxes clásicos a cargo de Barafunda, que tamén se encargarán da decoración para a ocasión dos trens turísticos. Abrirá o desfile a Banda de Santiago acompañada, entre outros, das personaxes de Can Cun Quinqué e da comparsa Armatroulas de Laraño.
Os Reis Magos chegarán ás 16:30 á praza da Mercé de Conxo onde ás 17:00 arrancará o percorrido que levará a Cabalgata pola avenida do Ferrol, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, rúa do Hórreo, praza de Galicia, rúa da Senra, e a partir de alí fará a súa entrada na Cidade Histórica para rematar na Praza do Obradoiro arredor das 18:30 h, onde as SSMM saudarán as familias alí concentradas. A continuación, achegaranse ata os salóns do Pazo de Raxoi para poder atender todas as peticións que lle queiran trasladar os nenos e nenas de Santiago.
Ames por dous
Ames terá dúas cabalgatas nos dous núcleos urbanos principais. Tamén contará con varias carrozas nas que participarán máis de cen nenos. A primeira desas cabalgatas terá lugar no Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. Ao rematar, as Súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade, arredor das 18:30, onde se despedirán e darán paso á actuación da artista María Fumaça.
Os Reis desprazaranse tamén ata Bertamiráns, onde a cabalgata se celebrará de 19:00 a 20:00 horas. Igualmente, haberá un fin de festa no pavillón municipal, de 20:30 a 21:30, e tamén se poderá desfrutar da rosca con chocolate e dos batidos de CLUN. Así mesmo, haberá unha actuación da man de Pesdelán.
Vedra en moto
Unha das cabalgatas máis chamativas será a de Vedra xa que os Reis Magos chegarán en moto, acompañados por unha comitiva de 30 moteiros da Asociación Moteiros Val do Ulla
Ás 17:30 horas a Estación de Tren de Santa Cruz de Ribadulla encherase de ruído grazas a participación de 30 moteiros que se encargarán de protexer e acompañar aos Reis Magos, unha comitiva que non vai pasar desapercibida.
Esta previsto que reciban a toda rapazada na Nave da Estación a partir das 17:30 horas, onde os nenos e nenas terán a oportunidade de falar persoalmente con Melchor, Gaspar e Baltasar e de facerse fotos.
Para calmar os nervios de ver aos Reis haberá animación infantil musical ca empresa CPM, sen esquecernos dos caramelos.
A Baña
A comitiva real chegará ao pavillón municipal ás 17.30 horas para falar co público infantil, e cos maiores que así o desexen, ao obxecto de manter viva a ilusión na noite máis máxica do ano.
Para facer un pouco máis amena a espera das Súas Maxestades, o Concello programou para ás 16.30 horas o espectáculo Circando. Trátase dun espectáculo de circo na rúa, apto para todos os públicos, e no que a ilusión e a maxia do circo será o preludio da recepción real.
Boqueixón
A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá a tradicional Festa de Reis Magos en Boqueixón. Un evento que dará comezo ás 17:00 horas, coa posta en escena do conto “Carapuchiña Vermella”, a cargo de Educateatro. Ás 18:30 horas dará comezo a tradicional recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar, que incluirá un sorteo de agasallos en colaboración con SBC Gasolineras.
A asistencia tanto ao teatro como á recepción é de balde, se ben é preciso anotarse antes en www.boqueixon.gal. Por cada familia poden apuntarse ata 4 nenos e nenas (de ata 10 anos de idade) así como dúas persoas adultas. As prazas outorgaranse por orde de inscrición, tendo en todo caso preferencia os nenos e nenas empadroados en Boqueixón e aquelas crianzas que estean matriculadas nalgún centro de ensino do municipio.
Brión
En Brión os Reis Magos percorrerán as distintas parroquias para rematar na praza do concello. O percorrido e os puntos de encontro serán os seguintes:
10:15 h. Local Social de CORNANDA
10:45 h. Adro da Igrexa da LUAÑA
11:30 h. Adro da Igrexa de VICESO
12:30 h. Adro da Igrexa de ONS
13:15 h. Parada do transporte escolar de Tembra – BOULLÓN
16:30 h. Adro da Igrexa de BASTAVALES
17:30 h. Entorno da Capela de SAN SALVADOR
18:00 h. Campo de San Ramón – O TREMO
19:00 h. Adro da Igrexa dos ÁNXELES
20:00 h. Praza do Concello – BRIÓN
En cada parroquia a rapazada poderá falar durante uns minutos cos Reis Magos, entregarlles as súas cartas e pedirlles os seus agasallos. Melchor, Gaspar e Baltasar irán acompañados por unha comitiva con música de charanga e que repartirá chocolate con rosca a todas as persoas que se acheguen.
Frades
Os Reis Magos chegarán a Frades ás 16:00 horas e participarán nunha cabalgata polas rúas de Ponte Carreira. Despois tomarán parte nunha gran festa de Reis no polideportivo municipal ata as 20:00 horas. Deste xeito, o Concello de Frades retoma a normalidade con esta celebración, despois de dúas edicións condicionadas pola pandemia sanitaria.
O desfile comezará ás 16:00 horas. As Súas Maxestades chegarán en pick-up acompañados por Mickey Mouse, Minnie Mouse e Chase, da Patrulla Canina, e percorrerán o centro de Ponte Carreira. Tras un primeiro contacto coa rapazada, a comitiva partirá cara o polideportivo municipal de Ponte Carreira acompañada polas persoas asistentes á cabalgata.
Negreira
A cabalgata sairá ás 17:30 horas do Campo da Feira, realizando o percorrido habitual ata a o Concello, onde as súas Maxestades de Oriente saudarán dende o balcón.
O desfile rematará no pavillón do CEIP O Coto, onde todos os nenos e nenas serán recibidos polos Reis Magos, que lles entregarán un agasallo en forma de chuches.
Padrón
Melchor, Gaspar e Baltasar volverán percorrerán as rúas de Padrón a partir das 17.00 horas e comezará o seu percorrido polo casco histórico dende a Rúa Real, visitarán a igrexa de Santiago onde as Súas Maxestades visitarán o Belén vivinte e realizarán a ofrenda ao neno Xesús.
Finalizada a ofrenda, a cabalgata achegarase á praza de Macías e á casa consistorial onde os Reis Magos serán recibidos pola Corporación Municipal. O percorrido rematará no Campo do Souto onde as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente recibirán a todas as nenas e nenos que queiran falar con eles para trasladarlles as súas peticións e manter viva a chama da ilusión na noite máis máxica do ano. Todas as crianzas recibirán un agasallo.
O Pino
A comitiva real comezará a súa visita ao Pino na parroquia de Pereira, ás 10.45 horas, pasando ao longo da mañá por Castrofeito (11.10 h.), Budiño (11.35 h.), O Pino (12.00 horas), Gonzar (12.20 h.), Medín (13.00 h.), Pastor (13.30 h.) e Lardeiros, ás 13.50 horas.
Despois de xantar, pola tarde, a comitiva encabezada por Melchor, Gaspar e Baltasar retomará o itinerario ás 17.30 horas na parroquia de San Breixo, para continuar por San Mamede (17.45 h.), San Miguel de Cerceda (18.05 h.), Cebreiro (18.30 horas) e chegar ás 19.30 horas ao polideportivo municipal de Reboredo, en Arca, onde terá lugar a recepción oficial.
Oroso
En Oroso os Reis Magos sairán ás 18.00 horas desde o CEIP do Camiño Inglés e continuarán o seu traxecto pola estrada N-550, a Avenida da Grabanxa, a Rúa do Deporte e a Rúa Camiño Inglés, para finalizar na Praza do Concello, onde serán recibidos pola Corporación Municipal e o alcalde, Luis Rey.
Antes de que comecen o seu percorrido polas rúas de Oroso, os Reis Magos ofrecerán unha recepción aos nenos e nenas do municipio no Pavillón de Deportes, de 10.30 a 14.00 horas e de 15.00 a 17.00 horas.
Rois
as Súas Maxestades de Oriente repetirán o itinerario do ano pasado en autobús por Rois con paradas nos campos da festa para saudar á cativada. A comitiva partirá xa pola mañá do Auditorio para ir facendo altos en Rois (10.45 horas), Buxán (11.30h), Leroño (12.00h), Augasantas (12.30h), Ermedelo (15.00h), Urdilde (15.45h), Costa (local social, 16.30h), Herbogo (17.15h), Seira (17.45h), Sorribas (18.15h), Ribasar (18.45h) e Oín (19.30h), punto este último onde realizarán a ofrenda.
Os Reis Magos encamiñaránse logo cara ao polideportivo dos Dices para asistir á recepción oficial e sumarse á festa que, dende as 18.30 horas, entreterá a espera dos pequenos con música, xogos e talleres.