Trátase do polígono eólico denominado Paraño Oeste, nos concellos de Forcarei e Beariz,a 40 minutos de Compostela, na comarca de Terra de Montes. Proxectaba 14 aeroxeradores de 180 metros dealtura.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza paraliza cautelarmente o polígono eólico Paraño Oeste a petición da organización ecoloxista ADEGA. Este parque constaría dun total de 14 aeroxeradores de 180 metros de altura que se situarían nunha zona fundamental da Dorsal Galega como corredor ecolóxico entre a Serra do Suído e os espazos da Rede Natura ZEC Serra do Cando e ZEC Serra do Candán.

Esta determinación do tribunal galego supón que, malia a contar o proxecto coa autorización administrativa e de construción da Xunta de Galiza, as obras non se poderán iniciar ata que non se ditamine sentenza sobre os recursos contencioso-administrativos interpostos pola demandante. Desta maneira, a efectividade das autorizacións queda suspendida temporalmente.
Riscos “evidentes” sobre o ambiente
O alto tribunal galego xustifica a súa decisión de paralizar cautelarmente o proxecto baseándose, en gran medida, nos argumentos presentados por ADEGA. Estes fundaméntanse en catro grandes bloques: a cualificación da área afectada como de “exclusión eólica” no Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica.
A proximidade a espazos protexidos de Rede Natura e áreas de especial interese paisaxístico; a afectación a augas protexidas e potables e os seus riscos hidrolóxicos; e a afectación a un hábitat de interese comunitario no que habitan especies ameazadas, vulnerables ou en perigo de extinción.
Este proxecto eólico provocaría unha grave afección nas poboacións de aves, morcegos e insectos. Especies como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia real, esta última en perigo de extinción, están presentes dentro da poligonal.
ADEGA tamén argumentou os impactos directos sobre varios núcleos de poboación que quedarían moi próximos a aeroxeradores e liñas de alta tensión. As obras comprenderían a apertura de pistas de gran anchura e de gabias para o soterramento dos cables de evacuación da electricidade; e a construción de zapatas a gran profundidade no subsolo.
Examinados estes elementos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera “evidente” o risco de dano “irreparable ou de difícil reparación” sobre elementos ambientais “altamente sensibles”, derivado da execución das obras. Por este motivo, o tribunal galego fai valer o principio de prevención e precaución do dereito comunitario e paraliza cautelarmente o proxecto.
Interese ecolóxico
O alto tribunal recolle tamén no seu auto unha reflexión sobre a ponderación de intereses en sede cautelar, fundamentada en argumentos esgrimidos polo Tribunal Constitucional, que asegura que en materia de suspensión cautelar, a salvagarda do interese ecolóxico merece a condición de interese preferente fronte a argumentacións económicas ou de desenvolvemento sostible, que teñen que ver co fondo do asunto.