Bisbarra, 8 de xuño do 2023 – A Semana Verde de Galicia abre as súas portas coas mellores cifras de participantes e actividades en dezaseis anos.

A inauguración da 45ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia contará hoxe co Vicepresidente segundo e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. 740 expositores e 24 países representados, 17.053 m2 ocupados e duascentas actividades conforman a feira 2023.
A feira, que contará con gran cantidade de novas participacións, destacará unha vez máis pola súa diversidade. Ademais dos certames paralelos de alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contará con numerosos sectores que van desde gandería, bioenerxía e pequena maquinaria ata mobiliario e artesanía.
Os asistentes poderán acceder de forma gratuíta por decimo terceiro ano consecutivo. Só se aboara o aparcadoiro, cun módico prezo de 3€ destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.
Máis de 200 actividades
Nesta edición volverá destacar o seu amplísimo programa, con máis de 200 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo do certame e entre as que haberá numerosas novidades.




O salón de alimentación Salimat Abanca unirá a empresas do sector con 28 importadores e distribuidores de 19 países. A súa área Alinova mostrará preto de 80 innovacións, mentres que no seu programa haberá numerosas catas, showcookings con reputados chefs ou o Encontro Gastroblogger. O seu concurso da tortilla incluirá unha competición por equipos capitaneados por coñecidos rostros da Televisión de Galicia e ademais estreará o “Faladoiro de Salimat”, un espazo con tres grandes chefs que falarán do onte e o hoxe mentres elaboran un prato de referencia nas súas vidas.
Turexpo Galicia e Festur, que se celebran co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de empresas e entidades do sector turístico, entre as que destacan as novas participacións, un espazo cedido á Axencia para o Desenvolvemento Turístico de Ucraína (SATD) destinado a que os visitantes poidan mostrar a súa solidariedade ao país e tamén 31 concellos que promocionarán 40 festas galegas de interese turístico.
En canto a Fecap Abanca, ofrece de novo un interesante programa, con propostas como o II Concurso Monográfico do Club Español do Grifón Nivernés, a III Presentación de Cans de Caza, exhibicións de cetrería, un simulador, exposición de trofeos de caza ou talleres sobre aspectos como seguridade para actividades no medio natural, autorrescate de vehículos ou condución climatolóxica extrema.



As actividades caninas e ecuestres volven ser outro dos atractivos podendo desfrutar da Copa Federación Abanca Semana Verde de agility, actividades sobre o Can de Palleiro, o Concurso Nacional Canino de Beleza ou novas exhibicións de mondioring e da Unidade Cinológica del Tercio Norte de Infantería de Marina. Nas ecuestres destacará o X Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, o taller sobre “Coidados do poni”, o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega ou, por primeira vez, unha proba de obstáculos con cabalos árabes.
Na área gandeira destacarán as razas autóctonas de Galicia, con exposicións tanto de Rubia Galega e de Galiña Piñeira como das razas en perigo de extinción, realizando tanto estas últimas como a Galiña Piñeira concursos morfolóxicos, ademais do III Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta. Así mesmo, poderanse ver impresionantes bois das razas Maronesa, Cachena, Barroça e Alistano-Sanabresa e unha exhibición de tiro con carro tradicional galego.




Nesta edición tamén destacará a celebración de foros e xornadas, entre eles o ““I Foro de Activistas: por un futuro rural”, a presentación da ferramenta informática “Sistemas de xestión de explotacións agrarias (agro 4.0)” por parte da Consellería do Medio Rural ou conferencias como “Ingredientes alternativos en alimentación animal e estratexias sostibles para a mellora do benestar en gandería”. Tamén os talleres serán numerosos, como os da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, entre eles “Natureza e Robótica” ou “O gran espectáculo da Natureza.
O programa completarase con outras propostas lúdicas de gran de interese, como shows de motrocrós, unha exposición de dinosauros animatronics que este ano inclúe novidades, a VIII Carreira Popular, o IV Open de Xadrez, a realización de esculturas con motoserra ou actividades multiaventura.
