Bisbarra, 13 de febreiro do 2024 – Os concellos de Padrón, Valga, Rois, Catoira, Pontecesures e Dodro inauguraron a nova edición do Plan Integrado de Emprego que se desenvolverá ata finais de ano.
Este programa ten por obxectivo mellorar as posibilidades de atopar emprego das persoas que están no paro. En esta edición hai unha importante participación de mulleres, 74 alumnas fronte a 26 homes, e da franxa de idade de maiores de 45 anos, máis do 58% do alumnado.
Na presentación participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca; a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino; o alcalde de Dodro, Xabier Castro; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; o alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño; e o concelleiro de Cultura e Xuventude de Valga, Pedro Calvo.
O programa ten unha clara orientación cara á inserción laboral, coa meta de alcanzar un 37% de éxito nesta área. Porcentaxe que se vén superando nas oito edicións xa celebradas do PIE. Máis do 40% do alumnado que asistiu o pasado ano ao programa integrado de emprego asinou un contrato de traballo.
Financiado pola Xunta de Galicia con 200.000 euros, o PIE desenvolverase ata novembro de 2024 e ofrece diferentes accións encamiñadas a acadar a inserción laboral das persoas participantes. Desde información e asesoramento laboral personalizado ata formación nos sectores con máis demanda de traballo, como loxística e comercio, hostalería e turismo, industrias alimentarias, fabricación mecánica, téxtil, servizos comunitarios ou agrario e forestal. Tamén inclúe talleres de coaching, intelixencia emocional e habilidades sociais, así como a realización de prácticas non laborais.
Durante a presentación, o alcalde de Dodro, Xavier Castro, e o de Rois, Ramón Tojo, destacaron “a importancia da colaboración entre os concellos para promover o emprego e o desenvolvemento na comarca”. Xavier Castro lembrou que esta é a novena edicións dos programas integrados de emprego que no seu día puxeron en marcha Dodro, Padrón e Rois e logo ampliouse a Pontecesures Valga e Catoira.