A Xunta achega 81.000 euros para a compra dun punto limpo móbil, Un servizo que sairá a licitación proximamente.
Lousame e Rois presentaron recentemente unha solicitude conxunta á Xunta de Galicia para adquirir un punto limpo móbil que garanta o acceso a este servizo aos 7.500 habitantes que suman ambos municipios.

A través dunha achega de 81.000 euros da Xunta, subvencionarase a compra dun camión 100% eléctrico con caixa basculante, cunha grúa de 1.500 kg e capacidade para acoller 8 contedores adaptados. Os Concellos de Lousame e Rois achegarán o 10% restante e o IVE total da actuación, o que suma 27.900 euros.
Por este motivo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría Moreno, visitaron Lousame onde foron recibidas pola alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo.
Teresa Villaverde agradeceu a colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xa que “somos dous concellos que non temos punto limpo. Xa tivemos outras subvencións en conxunto e sempre funcionou moi ben e así vai ser esta vez”.
O alcalde de Rois agradeceu o apoio da Xunta e indicou que “ás veces nos atopamos con anuncios do Seprona de que no monte hai cousas tiradas e hai que recollelo. E hai un traballo moi arduo detrás”. Ramón Tojo apuntou que coa adquisición deste punto limpo móbil, os Concellos están facendo a súa parte: “hai que facilitar ter un rural tan bonito e preservalo. E para iso os Concellos temos que poñer medios públicos como estamos facendo”.
Obxectivos do proxecto
Unha vez conseguida a achega da Xunta, os Concellos procederán a licitar a adquisición do punto limpo móbil, para o cal aplicaranse criterios de compra pública verde ou ecolóxica nos expedientes de contratación.
Unha vez contratado, procederase á posta en servizo do punto limpo móbil, que consistirá nun módulo debidamente compartimentado para albergar os oito contedores de recollida selectiva.
O vehículo consistirá nun camión con caixa e grúa que realizará as labores de transporte e reposicionamento do punto limpo, ademais de labores complementarias como a recollida de residuos voluminosos baixo demanda.
Os dous concellos establecerán un calendario rotativo semanal para achegar o punto limpo móbil ás diferentes parroquias, de xeito que se facilite o depósito de residuos a toda a veciñanza.
Os residuos que serán recollidos no punto limpo móbil son: Papel e cartón, envases plásticos e mesturados, vidro, restos metálicos do fogar, baterías e acumuladores, residuos voluminosos e restos de poda. Con esta recollida, preténdese reducir o número de emisións de CO2 a atmosfera, que no primeiro ano acadará unha minoración de 7.763 teqCO2/ano.
O punto limpo dará servizo a unha poboación de 7.494 persoas, 3.099 de Lousame e 4.395 de Rois. Finalmente, coa implantación do punto limpo móbil os Concellos de Lousame e de Rois agardan que se produza unha mellora no fraccionamento destes residuos, de xeito que a cantidade anual que se deposita sen seleccionar se minore en cando menos un 5% no primeiro ano (18,79 toneladas/ano) e que esta cantidade se incremente de forma progresiva ata chegar ao 15% en tres anos (56,38 toneladas/ano).