Bisbarra, 18 de novembro do 2024 – Os 18 concellos nos que funciona o transporte comarcal da bisbarra de Compostela veñen de acordar coa Xunta de Galicia prorrogar o acordo por catro anos máis.
A decisión foi tomada na Comsión de seguimento do convenio, presidida pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela. Este acordo suporá unha achega anual de 1,2M€ por parte da Xunta e 288.000 euros dos municipios que integran a área beneficiada.
O Goberno galego continuará financiando os descontos do 80% nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas.
A prórroga deste acordo súmase aos previstos nas outras catro áreas de Galicia cun investimento total nas catro zonas de case 6,4 millóns, dos que 5 millóns corresponden á Xunta.
A medida garante o mantemento das bonificacións nas tarifas do autobús metropolitano aos viaxeiros dos 18 concellos da área compostelá. A Área de Transporte Metropolitano de Santiago é unha das que concentra maior oferta de servizos e inclúe aos concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, A Estrada, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón, O Pino, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.
Estes municipios están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por 429 liñas, que prestan servizo en máis de 5.800 paradas e nas que se ofrecen máis de 360.000 servizos ao ano en máis de 13 millóns de quilómetros de servizo.
No marco deste convenio, a Xunta continuará a financiar os descontos do 80% que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50%.
Canto á evolución da demanda, rexistráronse case 3 millóns de viaxes en 2023, das que o 90% se abonaron a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG). Ademais, a veciñanza dos concellos desta área pode beneficiarse dos descontos da Tarxeta da Mobilidade de Galicia que desde a posta en marcha en setembro de 2022 da bonificación financiou máis de 5,2 millóns de viaxes por máis de 2,3 millóns de euros (ademais da gratuidade de 60 mensuais gratuítas no transporte interurbano en Galicia para menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova e para os maiores de 65 anos coa Tarifa +65).