Bisbarra, 4 de xaneiro do 2024 – Se algún cativo dubida de que os Reis son Magos poden ensinarlle este artigo xa que a capacidade de estar en toda a bisbarra este venres non a ten calquera.
É unha das ilusións coas que este mundo dixitalizado non conseguiu acabar. Cada cinco de xaneiro os Reis Magos chegan a toda a bisbarra de distintos modos e por un momento os rapaces cren que os soños faranse realidade.
É certo que as veces a bicicleta troca en patinete ou que a consola de videoxogos non é exactamente igual á que se lle pediu pero hai que entender que son millóns de rapaces en todo o mundo e algún erro poderán ter, son magos pero humanos.
Compostela
É a máis grande e espectacular, non ten o encanto da proximidade pero as sorpresas están garantidas. Gaspar, Melchor e Baltasar sairán ás 17 horas da praza de Nosa Señora da Mercé de Conxo e percorrerán a avenida de Ferrol e cruzarán Romero Donallo para continuar Frei Rosendo Salvado ata a praza Roxa. Despois seguirán pola rúa de República do Salvador, rúa do Hórreo e rodearán a praza de Galicia para entrar na zona vella pola Porta Faxeira e seguir pola rúa do Vilar ata a praza do Obradoiro onde está previsto que sexan recibidos pola alcaldesa e por membros da Corporación municipal entre as 18:30 e as 19 horas. A continuación dirixirán unhas palabras á cativada e pasarán ao Salón Vermello do Pazo de Raxoi para a tradicional recepción.
Ames
Os Reis están pasando tres días en Ames escoitando os desexos dos máis pequenos. Nos pavillóns de Milladoiro e Bertamiráns ofreceron recepción onte e hoxe farán o mesmo.
Mañá venres pola mañá, as Súas Maxestades visitarán as parroquias do municipio para que a súa maxia chegue a todos os recunchos do concello. Xa pola tarde, percorrerán as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns coas súas cabalgatas. O fin de festa reunirá a grandes e pequenos nos pavillóns municipais para despedir ás Súas Maxestades de Oriente e desfrutar dunha merenda amenizada cun espectáculo de animación infantil.
Padrón
A capital do Sar recibirá á comitiva real ás 17.00 horas pola N-550 para compartir sorrisos, ilusión e sobre todo moita maxia entre a cativada da vila. A cabalgata pasará pola Avenida de Compostela; As Lágrimas; o paseo do Espolón; ata chegar a igrexa de Santiago onde as Súas Maxestades visitarán o Belén vivinte e realizarán a tradicional ofrenda ao neno Xesús.
Tras esta primeira parada, Melchor, Gaspar e Baltasar acudirán ata a casa consistorial onde serán recibidos pola Corporación Municipal.
O percorrido rematará de novo neste 2024 no polideportivo do Souto, onde os Reis Magos de Oriente terán a oportunidade de ter un contacto máis directo con todos os nenos e nenas de Padrón que queiran falar con eles para trasladarlles as súas peticións e as súas cartas. Haberá agasallos para todas as crianzas.
Frades
Os Reis Magos chegarán a Frades este venres 5 de xaneiro, onde a partir das 16:00 horas participarán nunha cabalgata polas rúas de Ponte Carreira e despois tomarán parte nunha gran festa de Reis no polideportivo municipal, de 17:00 a 20:00 horas.
As Súas Maxestades chegarán en pick-up acompañados por varias mascotas e percorrerán o centro de Ponte Carreira. Tras ese primeiro contacto coa rapazada, a comitiva partirá cara o polideportivo municipal de Ponte Carreira acompañada polas persoas asistentes. Á entrada do polideportivo municipal haberá un canón de neve, onde os nenos e nenas poderán xogar mentres Melchor, Gaspar e Baltasar preparan a súa entrada nas instalacións, que terá lugar en torno ás 17:00 horas.
Brión
Os Reis Magos visitarán Brión este venres 5 de xaneiro nun autobús de época que percorrerá as distintas parroquias entre as 10:15 e as 20:15 horas. O percorrido e os puntos de encontro serán os mesmos do ano pasado:
- 10:15 h. Local Social de CORNANDA
- 10:45 h. Adro da Igrexa da LUAÑA
- 11:30 h. Adro da Igrexa de VICESO
- 12:30 h. Adro da Igrexa de ONS
- 13:15 h. Parada do transporte escolar de Tembra – BOULLÓN
- 16:30 h. Adro da Igrexa de BASTAVALES
- 17:30 h. Entorno da Capela de SAN SALVADOR
- 18:00 h. Campo de San Ramón – O TREMO
- 19:00 h. Adro da Igrexa dos ÁNXELES
- 20:00 h. Contorna da Carballeira de Santa Minia – BRIÓN
En cada parroquia a rapazada poderá falar durante uns minutos cos Reis Magos, entregarlles as súas cartas e pedirlles os seus agasallos. Melchor, Gaspar e Baltasar irán acompañados por unha comitiva con música de charanga e que repartirá chocolate con rosca a todas as persoas que se acheguen.
Lousame
Dúas oportunidade de estar con Reis en Lousame A primeira cita terá lugar de 10:30 a 14:00 horas na Casa da Cultura de Lousame. A recepción dos Reis Magos seguirá o mesmo procedemento de edicións anteriores: Melchor, Gaspar e Baltasar estarán no escenario do auditorio e escoitarán/recollerán as cartas dos pequenos, aos que entregarán algunhas lambonadas.
Finalmente, de 17:00 a 20:00 horas, a comitiva real desprazarase ata o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, onde terá lugar o tradicional Festival de Reis. Unha festa infantil con xogos, inchables, obradoiros… e un chocolate con churros para todas as persoas participantes. Inscricións de balde en www.bandoticket.com.
Boqueixón
A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá este venres 5 de xaneiro a tradicional Festa de Reis do Concello de Boqueixón. Un evento que dará comezo ás 17:00 horas, coa posta en escena do conto “Un Nadal Máxico”, a cargo dos Bolechas, populares personaxes creados por Pepe Carreiro.
“Os Bolechas. Un Nadal Máxico” conta a historia dunha das irmás Bolechas, Loli, unha aprendiz de maga que tratará de traer de volta aos seus irmáns desaparecidos coa axuda da súa variña máxica, do supermago Danubio e dos rapaces e rapazas de Boqueixón. Ao rematar a obra, dará comezo a tradicional recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar, que incluirá un sorteo de agasallos en colaboración con SBC Gasolineras. E ás 18:45 horas haberá un segundo pase para as familias que non quixeran ver aos Bolechas.
O Pino
Unha visita ás parroquias formará parte do percorrido dos Reis Magos en O Pino. Os principais puntos de encontro serán os campos da festas parroquias, excepto en Castrofeito, que chegarán un ano máis á Escola de Santiso, e en San Miguel de Cerceda, coa recepción na Igrexa.
O percorrido comezará en Pereira ás 10.45 horas, pasando ao longo da mañá por Castrofeito (11.10 h.), Budiño (11.35 h.), O Pino (12.00 horas), Gonzar (12.20 h.), Medín (13.00 h.), Pastor (13.30 h.) e Lardeiros, ás 13.50 horas.
Xa pola tarde, a comitiva retomará o itinerario ás 17.30 horas na parroquia de San Breixo, para continuar por San Mamede (17.45 h.), San Miguel de Cerceda (18.05 h.) e Cebreiro (18.30 horas).
Ás 19.30 horas a cita será no polideportivo municipal de Reboredo, en Arca, onde terá lugar a recepción oficial.
ARZUA
Os Reis Magos visitarán Arzúa a partir das catro e media da tarde comezando pola Residencia San José. Ás 17:00 Inicio das actividades infantís no Multiusos Terra do Queixo e ás 17:30 Saída da Cabalgata dende a Casa da Cultura con percorrido polas rúas: Santiago, Praza de Galiza, Lugo, Fraga do Rei, Ramón Franco e Xosé Neira Vilas. Regreso polas rúas Xosé Neira Vilas, Ramón Franco e Padre Pardo.
Ás 18:30 Chegada ao Multiusos Terra do Queixo, recepción e reparto de agasallos para ás 21:00 rematar coas actividades infantís.
MELIDE
Desde as cinco e media da tarde os Reis chegan tamén a Melide. Desde o Pazo de Congresos percorrerán a vila pasando pola Rúa Río Furelos, Ronda de Pontevedra, Rúa Alexandre Bóveda., Cantón de San Roque, Ronda da Coruña, Avda Toques e Friol e Taboada Roca.
A continuación o Centro Sociocultural Mingos de Pita acollerá unha recepción e un belen vivente.
A BAÑA
O Concello da Baña ten preparada unha gran festa para recibir as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente o vindeiro venres, 5 de xaneiro. O obxectivo é acompañar á cativada na espera da noite máis máxica do ano e gozar xuntos dunha tarde especial.
O pavillón de San Vicenzo acollerá unha gran festa a partir das 17.00 horas coa actuación da Compañía Sempre Arriba que presentará a peza Hoxe Sí! Trátase dun espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea e, sobre todo, moito humor.
A comitiva real chegará ao pavillón municipal ás 18.00 horas para falar co público infantil, e cos maiores que así o desexen. Tamén haberá reparto de agasallos entre os nenos e as nenas.
Tras a recepción oficial, todas as persoas que así o desexen poderán desfrutar da saborosa rosca de Nadal e gozar cos inchables instalados no recinto neste día tan especial.
DODRO
O vindeiro día 5 de xaneiro as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitaran Dodro para recoller as peticións dos cativos da comarca.
Serán recibidas a partir das cinco e media da tarde no pavillón de deportes municipal cunha gran festa con animación musical, chocolate con churros e moitas ilusións.