Bisbarra, 22 de xullo do 2020 – A Rede Galega no Reino Unido celebra, o sábado 25 as sete da tarde, unha romaría en liña desde Londres para festexar o Día da Matria.
Por mor da pandemia do Coronavirus, a organización substitúe este ano a súa tradicional romaría polo Día da Matria en Hyde Park por un evento en liña no que participarán artistas de distintos puntos xeográficos.
A páxina en Facebook de REGA UK será un punto de encontro para a cultura galega que se artella na terra e fóra dela, tecendo redes entre artistas de Galicia, Londres e Arxentina. Durante a romaría vanse alternar actuacións musicais con intervencións de actores e poetas e mais con saúdos de numerosos artistas. Polo de agora xa está confirmada a participación de músicos como Bieito Romero, Carlos Núñez, Belém Tajes, Xabier Díaz, a familia Seivane, Zeltia, os irmáns Carlos e Fran Barcia, Dequenvessendo, David Carril e Son da Illa. O programa completarase coas colaboracións dos actores Touriñán e Diego Freire e do poeta Enrique Gavilanes.
Ademais, durante o evento vanse presentar en exclusiva dous novos temas musicais. Por unha banda, o último single de Ugía Pedreira, que, acompañada de Pier El Gabacho, vai musicar un poema de Enrique Gavilanes. Por outra banda, será tamén a presentación oficial do novo tema do gaiteiro Alberto López, membro do grupo Sete Netos de Bos Aires.
