Bisbarra, 29 de xaneiro do 2024 – A Feira Internacional de Turismo, FITUR, é unha das máis importantes do mundo pero nunca tivo unha presenza tan clara da bisbarra como na edición que pechou este domingo.
Os concellos, mancomunidade e GDR decidiron apostar polo turismo nos últimos anos. Un esforzo que pareceu agromar na edición de FITUR de este 2024.
Quedan atrás tempos nos que a presenza da bisbarra era Compostela e uns poucos folletos dos concellos no stand da Xunta de Galicia. Este ano moitos apostaron por campaña propias nas que divulgar unha oferta turística que sempre estivo aí aínda que non se valorara de xeito convinte.
Protección
Compostela pola súa banda apostou en esta ocasión por educar. O constante crecemento de visitantes fai que sexa máis necesario conciencialos sobre a protección do que van a visitar que animalos a vir.
Santiago presentou en Fitur un vídeo que recolle os doce puntos do Código de Boas Prácticas en materia turística. Na presentación, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, puxeron o foco na sensibilización e na concienciación sobre a necesidade de apostar por un novo modelo que promova o turismo consciente, de calidade, e que permita unha convivencia harmónica entre persoas visitantes e residentes.
O obxectivo é que os que cheguen o fagan con intención de coidar a cidade. A alcaldesa explicaba que “este é xusto o momento de levar a cabo unha transformación importante para que o noso destino turístico non se desvirtúe, como xa sucedeu con outros destinos que se acomodaron e non foron capaces de adiantarse a situacións de turistificación e masificación”.
Auga
A mancomunidade de Ordes achegou a FITUR unha campaña titulada “Augas de Ordes”, un proxecto co que promover os atractivos turísticos que ofrecen os seus recursos acuáticos. A concelleira ordense, e presidenta da mancomunidade, Susana García indicou na súa presentación que “Os ríos que discorren polo noso territorio conéctannos coas nosas raíces, son sinónimos de vida e de desfrute, albergan tesouros que moitos tivemos a sorte de desfrutar durante anos e que agora queremos poñer á disposición dos visitantes”.
O GDR-19, que xestiona o xeodestino Terras de Compostela, apostou tamén pola auga coa campaña “Distintas maneras de disfrutar el agua”. A presidenta do GDR , Guarina Rey, definiu o proxecto como “un produto diferenciado, sostible e experiencial”.
En este caso a presentación contou co apoio de distintos persoeiros como o delegado do Goberno, Pedro Blanco; a actriz María Vázquez, que colaborou no vídeo; a directora de promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; o marqués de Santa Cruz (Rivadulla, Vedra), os alcaldes de Boqueixón, Brión, Val do Dubra e Vedra, a alcaldesa de Santiago, e concelleiras de Padrón e Santa Comba.
Os camiños
Os camiños de Santiago tamén estiveron presentes aínda que de distintas formas. Touro presentou a ruta dos Holandeses e esa arraigada costume dos nórdicos coa bicicleta que se concreta no roteiro europeo denominado Eurovelo 3.
Touro buscou alianzas en FITUR e aportou motivacións como o campamento romano de Castrillón, a carballeira centenaria de Brandelos ou a paisaxe da ribeira do Ulla.
Pola súa banda a ruta que vai ata Fisterra desde Compostela presentou a campaña “Fíos… até a fin, dende Santiago até Fisterra”. Trátase dunha campaña posta en marcha pola Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía. O alcalde de Ames, Blas García, dicía na súa intervención que “hai camiño máis alá de Santiago. O Camiño de Fisterra-Muxía é o único Camiño que non acaba en Santiago, senón que comeza en Santiago e nos leva ata a fin do mundo”
Feiras dentro de feiras
Para rematar nada mellor que presentar a feira de turismo que cada ano se celebra na bisbarra. A Semana Verde de Galicia acudiu a FITUR para falar de Turexpo Galicia que terá lugar do 30 de maio ao 2 de xuño.
No acto, que tivo lugar no stand de Galicia baixo o título “Turexpo Galicia 2024: O turismo gana protagonismo nunha Abanca Semana Verde en expansión”, participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
O Delegado trasladou aos presentes a intención de que os viaxeiros que chegan ás grandes cidades aproveiten tamén para visitar outros lugares menos coñecidos para o gran público pero que tamén contan con grandes atractivos.
Unha estratexia baseada na filosofía do Camiño de Santiago, o cal cambiou por completo a realidade económica e social dos centos de concellos polos que descorren os centos de miles de persoas que cada ano peregrinan a Compostela.