Bisbarra, 28 de xullo – A preocupación nos concellos polo consumo de auga nun verán tan seco comeza a facerse máis evidente con novas recomendacións e restricións.
Hai quince días Frades prohibía o uso da auga da traída para regar ou enchido de piscinas. Onte eran Ames e Frades os que buscaban solucións e recomendaban consumos responsables para conseguir aforrar auga.

A Estrada sorprendíase estes días o ver como o consumo de auga en Codeseda multiplicábase por catro. O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Constenla, expresaba a necesidade de ter un consumo responsable tras coñecer eses datos de consumo “estase a consumir case catro veces máis auga que hai un mes. Concretamente, nas últimas 24 horas consumíronse 85 metros cúbicos cando na mesma data do mes de xuño empregábanse 23”.
O aumento do consumo de auga estase a rexistrar tamén en todo o casco urbano da Estrada. Isto provoca que a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) ubicada en Parada vexa limitada a súa capacidade e teña que bombear máis cantidade de auga para poder responder á demanda.
Ames na procura de xeitos de aforrar
O concello de Ames reuníase onte con responsables da concesionaria Espina e Delfín para buscar fórmula que permitan o aforro de auga. Desde o comezo do verán o concello xa adoptou medidas como controlar e reducir o rego dos xardíns municipais e das zonas verdes, ou a cantidade de auga potable que se gasta nos baldeos e servizos de limpeza

Pero Ames busca mais solucións coa colaboración da empresa concesionaria do servizo. Onte propoñíanse fórmulas como o control dinámico da presión da auga ou a reparación de fugas nalgúns puntos da rede municipal.
Outro dato preocupante, e que indica a gravidade da situación, é que o nivel de captación na potabilizadora de Lens está só 40 centímetros por riba do nivel mínimo necesario para a recollida. Por esta razón outro dos temas tratados na xuntanza foi a posibilidade de realizar, en outros puntos, captacións de auga por medio de bombeos auxiliares.