Bisbarra, 28 de outubro do 2024 – O pasado venres reuníanse en Compostela os alcaldes dos concellos implicados no futuro parque de bombeiros comarcal. Que non existan discrepancias xa é boa nova pero ademais a sensación é de que agora si se está avanzando.

Trabállase na sinatura dun convenio no que se incluirán os dous aspectos do servizo; por un lado as aportacións de Xunta, Concello e Consorcio Provincial de Bombeiros xunto coas liñas xerais de actuación. Por outra banda a construción dunha nova sede que se situaría na Avenida do Cruceiro da Coruña. Fronte as naves de Castrosua.
O máis destacable de este encontro é que todos os concellos mostraron o seu apoio a esta localización “que garante unha mellor operatividade para os demais municipios implicados”, en palabras da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. O uso do esqueleto do edificio situado en Salgueiriños; ou a oferta, no seu día, dun terreo por parte de Ames parecen quedar definitivamente aparcados.

Ademais hai xa un traballo avanzado sobre esta ubicación xa que o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, presentou na reunión o anteproxecto do edificio do novo parque que sairá a licitación en canto se firme o convenio. A rexedora compostelá sinalou que despois da reunión “hai unanimidade ao respecto de que a infraestrutura debe estar na avenida do Cruceiro da Coruña e non hai mellores alternativas”.
Un convenio para unilos a todos
Goretti Sanmartín explicou que “existe un acordo político claro entre Concello, Consorcio Provincial de Bombeiros e Xunta de Galicia, e agora é o persoal técnico das tres administracións o que está avaliando técnica e xuridicamente a proposta de convenio”. Sanmartín apuntou que “a vontade das tres administracións e de todos os concellos implicados, en particular tamén do de Santiago, é que o servizo empece a funcionar canto antes, e o compromiso de todos e todas é axilizar todos os trámites na medida do posible”.
Na reunión participaron os alcaldes e alcaldesas de Ames, Blas García; Teo, Lucía Calvo de la Uz; Boqueixón, Ovidio Rodeiro; Val do Dubra, Diego Díaz; Brión, Pablo Lago; O Pino, Manuel Taboada; e Oroso, Alexander Doval. O concello de Vedra estivo representado polo segundo tenente de alcalde, Enrique Vázquez. Non puido asistir a alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez.
