SONY DSC
Bisbarra, 18 de setembro do 2019 – Toda a bisbarra calou contra a violencia de xénero despois do triplo asasinato de Valga, concentracións nas prazas e declaracións institucionais foron unha constante no día de onte.
En caso de ser vítima de violencia de xénero lembra que tes un número gratuíto de atención, o 016, e unha web de consulta da que poderás saír de xeito rápido se o necesitases.
O suceso de Valga deixou tamén unha nova loita conta a lexislación actual relativa a violencia de xénero. Das tres mulleres mortas só unha formará parte da estatística polo que moitas voces comezan a pedir que se cambie a norma xa que ninguén dubida de que todas a sufriron.
Concentracións nos concellos

Tódolos concellos tiveron convocaron concentracións e engadiron a axenda outros actos para a próxima semana. En Compostela participaron tódolos grupos políticos e sumouse o reitor e outros membros da Universidade. Os portavoces do Psoe, PP, Compostela Aberta e BNG leron a declaración institucional que se pode ver no seguinte vídeo
Compostela Aberta presentaba esa mesma mañá unha moción para debater no pleno de final de mes na que, entre outras cuestións, pide a continuidade da campaña En Negro contra a Violencia na que nos últimos anos foron sumándose concellos de toda Galicia.

Ordes, Noia, Ames no Milladoiro e Bertamiráns, Negreira ou Santa Comba foron, entre outros moitos, puntos de concentración e repulsa. Brión chamou a veciñanza a sumarse tamén a estes actos hoxe mércores as oito da tarde.

O papel dos medios
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia fan un chamamento á responsabilidade e ás boas prácticas dos medios de comunicación, a raíz da cobertura informativa do crime machista perpetrado onte en Valga. Reclaman que nunca se superen os principios da deontoloxía profesional do xornalismo, xa que se trata dun asunto moi sensible que provoca un sufrimento inmenso nas súas persoas achegadas.

O COPG lembra que é imprescindible o respecto ás indicacións proporcionadas polos servizos de emerxencias, así como que non se debe recoller imaxes nin declaracións que atenten contra a intimidade ou a dignidade das vítimas nin das persoas afectadas, xa que engaden dor a unha situación que xa de por si é extremadamente dolorosa.

Xunto co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, veñen de elaborar un conxunto de recomendacións para o tratamento informativo de temas nos que está presente o sufrimento humano, cun apartado específico sobre o tratamento ás informacións nas que aparezan menores.


