Bisbarra, 16 de novembro do 2022 – O adestrador do Obradoiro CAB, Moncho Fernández será protagonista en dúas actividades na Estrada e Oroso.
A primeira cita de Moncho Fernández será este mesmo xoves na Estrada. As oito e media da tarde será o protagonista dun novo Parladoiro no Teatro Principal do concello. Trátase dunha serie de charlas organizadas con motivo do 75 aniversario do recinto.
O evento xirará arredor da figura do adestrador e intentará ofrecerlle ao público unha visión diferente do protagonista, con declaracións inéditas e anécdotas da súa biografía. A encargada de conducir o Parladoiro será a xornalista Marga Pazos que, ademais de repasar a vida persoal e profesional de Moncho Fernández, terá en conta as aportacións do público ao longo do encontro.
Padriño na Gala do Deporte de Oroso
O vindeiro 16 de decembro o concello de Oroso celebrará a Gala do Deporte que terá como padriño ao adestrador Compostelán. O anunciou o concelleiro de deportes, Antonio Leira, na presentación do que será a sétima edición de este evento.
Tras dous anos de interrupción por mor da pandemia, desde a Concellaría de Deportes preténdese converter esta gala “na gran festa do deporte orosino, para poñer en valor a cantidade e diversidade das modalidades deportivas que se practican neste concello”, segundo indicou Antonio Leira, quen subliñou tamén que “cada ano practican deporte en Oroso dunha forma organizada máis de 1.400 rapaces e rapazas e mozos e mozas”.
O evento incluirá unha entrega de medallas conmemorativas para todos os deportistas que asistan e, ademais, entregaranse recoñecementos especiais a tres empresas patrocinadoras de clubs deportivos, a dous deportistas cunha traxectoria destacada, a dous deportistas con proxección de futuro e aos dous deportistas do ano. Antonio Leira sinala que a entrega destes premios por duplicado débese “ao feito de non celebrarse a gala nos últimos dous anos debido á pandemia”.