Bisbarra, 21 de xuño do 2023 – A situación das minas de San Finx e Varilongo é examinada por representantes do Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus.

A Convención de Aarhus, dependente da ONU, recolle compromisos internacionais e comunitarios que obrigan á difusión, entre outras cousas, do estado medio ambiental de espazos como as minas. O acordo atende tamén á participación público e ao acceso á xustiza en proxectos que afecten ao medio ambiente.
NO caso da mina de San Finx hai abertos catro procesos penais que seguen o seu curso paralelamente ao traballo da Convención Aarhus. Ata a sede da Convención, en Xenebra, desprazáronse representantes da Plataforma comarcal contra os vertidos das minas e da Plataforma BerXallas.
A ONU mantén abertos dous procedementos polas infraccións dos dereitos de participación pública, acceso á información ambiental e acceso á xustiza nestas explotacións, ambas propiedade da empresa australiana Pivotal Metals.
A semana pasada a Comisión tratou a posibilidade de admitir a trámite unha queixa do colectivo Verdegaia contra a lentitude dos xulgados, que tramitan as denuncias contra San Finx, e a impunidade que provoca.
Verdegaia argumenta ante a ONU que esa lentitude “impediu que varios altos cargos chegaran a sentarse no banco dos acusados, pese as evidencias dos delitos de prevaricación e falsidade documental”.
Pola súa parte a Plataforma contra os vertidos da mina de San Finx, que participa como observadora, reuniuse co secretariado do Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus para expoñerlle a grave situación de perigo que corre a ría de Muros e Noia e os miles de postos de traballo que dela dependen, e urxiulle a que se emita un ditame.
A vista no Comité da ONU ía celebrarse o pasado xoves pero a non comparecencia da entidade que presentaba a queixa fixo retrasar a vista ata a próxima sesión do Comité. A Plataforma aproveitou a viaxe para reunirse tamén con representantes da misión española na ONU e trasladarlles o malestar por que o Goberno do estado defenda as vulneracións sistemáticas da Convención de Aarhus por parte da Xunta.
Desde a plataforma comarcal valoran positivamente a visibilidade internacional que estes procesos dan ao caso, complementando as accións xudiciais que se seguen nos xulgados do contencioso e do penal de Noia e Santiago.
Este procedemento ante a ONU iniciouse en 2017, centrado na falta de avaliación de impacto ambiental á hora de aprobar os proxectos mineiros de San Finx e Varilongo.
