A USC e o CSIC demostran a redución de fauna que causa o eucalipto ao mesmo tempo que as asociacións ecoloxistas e veciñais denuncian que seguen sen reducirse as plantacións.
Unha denuncia e un estudio veñen de coincidir no tempo, os dous alertan dos prexuízo para Galicia de seguir permitindo a plantación de eucaliptos no canto de reducila. Ata finais de ano existe unha moratoria que o impide pero os datos din que non se cumpriran os obxectivos.

Eucalipto non segundo a ciencia
A proporción de eucaliptos é o factor principal na diminución da avifauna forestal autóctona no Noroeste da Península Ibérica. Esta é a principal conclusión do artigo ‘Eucalyptus cover as the primary driver of native forest bird reductions: Evidence from a stand-scale analysis in NW Iberia’ no que un equipo investigador da USC integrado por Fernando García-Fernández, María Vidal, e Jesús Domínguez, xunto a Adrián Regos da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, comparou 240 parches de bosque autóctono e eucaliptal.
Os investigadores explican que “A expansión das plantacións de eucalipto, que en Galicia xa cobren o 30 % da superficie forestal, transformou drasticamente a paisaxe e expón serias ameazas para a biodiversidade”. Nun recente estudo realizado no Parque Natural das Fragas do Eume, o persoal investigador analizou como as características da vexetación afectan á comunidade de aves forestais. Os resultados son contundentes: “as plantacións de eucalipto albergan moitas menos especies e exemplares de aves que os bosques nativos, e o factor máis determinante deste declive é o propio eucalipto, pola súa escasa oferta de alimento e refuxio”. Nin sequera os exemplares máis grandes poden substituír o papel ecolóxico das árbores autóctonas maduras.
O equipo investigador propón unha solución de xestión: incorporar franxas de vexetación libres de eucaliptos dentro das plantacións, onde a vexetación autóctona poida desenvolverse libremente. “Isto favorecería a biodiversidade e ao tempo podería mellorar a produtividade forestal grazas ao control biolóxico de pragas por parte das aves insectívoras”, matizan.
A investigación publicada en Forest Ecology and Management evidencia que a presenza de árbores autóctonas maduras é fundamental e que os eucaliptos maduros non substitúen o papel ecolóxico das árbores autóctonas maduras.
A moratoria da Xunta
En febreiro de 2021, o Consello da Xunta decidiu regular con carácter temporal as novas plantacións de eucalipto e permitir unicamente as repoboacións naquelas parcelas nas que xa existían. O 2 de xullo comezaba a moratoria que durará ata o 31 de decembro de este ano.
A decisión formaba parte do Plano Forestal de Galicia que chega ata o 2040 coa intención de reducir nunhas 200.000 hectáreas, en 20 anos, a superficie plantada a eucalipto. O Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG) demostra que a superficie dedicada ao eucalipto non deixou de medrar pese a moratoria.

Tomando como referencia o Inventario Forestal Nacional (IFN IV) de 2011, comprobase que daquela había 370.000 hectáreas plantadas con eucalipto; e que no 2023, de acordo co IFCG, había xa unhas 409.000 hectáreas. De acordo con estes dados a pretensión de reducir nunhas 200.000 hectáreas a superficie plantada a eucalipto de cara o ano 2040, está moi lonxe de se cumprir.
A este contexto engádese a falta de datos sobre as medidas tomadas nos últimos anos pola Xunta para cumprir os seus propios obxectivos. Por outra banda está a ameaza de ALTRI que segundo os expertos precisará de máis plantacións de eucaliptos xa que as actuais non son suficientes.
Demandas da sociedade
Todos isto leva a distintas organizacións a denunciar a situación e reclamar unha ampliación de oratoria. Os colectivos asinantes son: ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), AGA (Asociación Galega de Apicultura), APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), CIG (Confederación Intersindical Galega), FEG (Federación Ecoloxista galega), FRUGA (Federación Rural Galega), GALICIA AMBIENTAL, Asociación de profesionais ambientais, INGATECO (Instituto Galego de Terras Comunitarias), ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes), SLG (Sindicato Labrego Galego).
Estas organizacións propoñen converter en indefinida a moratoria para novas plantacións de eucalipto, ata que se elabore una normativa específica para Galicia que prohiba esta especie ( ademais de robinias, acacias, Pawlonia e bambús, e outras especies invasoras na RGEP (Rede Galega de Espazos Protexidos).
Programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e outras especies exóticas invasoras e eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos, que contemple opcións alternativas ao uso do eucalipto para os e as titulares do monte.
Constitución dun grupo de traballo que teña como obxectivo a elaboración dunha normativa para a ordenación das masas de eucaliptais, conformado, entre outras, polas entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionen o monte e o medio rural.
Demandas de sentido común pero na maioría dos casos quedan paradas na burocracia mentres eucaliptos e especies invasoras seguen crecendo na Galicia.