Bisbarra, 17 de setembro do 2019 – Sete plataformas veciñais, de territorios de 10 concellos, constituiron a primeira rede galega de plataformas en contra de proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas.
O pasado sábado en Mazaricos tomaba forma legal esta rede contra os eólicos que nace coa intención de e frear accións que destrúan o territorio. O colectivo posiciónase das enerxías renovables e sostibles, pero só “se son ben planificadas e teñen en conta ás poboacións locais”.
As plataformas que se unen nesta rede son: Asociación de Veciños 3 maio de Campolongo (Negreira), Asociación de Veciños Vila do Monte de Outes, colectivo Non eólicos de Ordes, Plataforma non máis eólicos Campelo-Bustelo-Toural, Plataforma veciñal non eólicos de Mazaricos, Plataforma veciñal contra os eólicos de Ponteceso e Salvemos o Iribio.
Na asemblea decidiuse constituír unha rede galega para a defensa do territorio ante os proxectos de parques eólicos e liñas eléctricas que están propostos por toda Galicia con impactos moi negativos que poderían afectar de forma moi grave á supervivencia económica e social das vilas e concellos afectados. O obxectivo desta rede é visibilizar e denunciar o problema da non planificación da produción eléctrica e as súas consecuencias, frear os parques eólicos e liñas de alta tensión abusivas e inxustas, e defender o territorio.
Todas as plataformas estiveron de acordo, de forma conxunta e unánime, que estes proxectos están baseados nunha lexislación obsoleta e que favorece á implantación dos parques eólicos, sostidos con capital estranxeiro, por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións.
Enerxía eólica si, se destrúe o territorio non.
Esta nova organización non se opón a produción de enerxía eólica, pero si a aqueles proxectos que se dispoñen sen planificación no territorio e que non conlevan máis que consecuencias moi negativas para toda a veciñanza. Denuncian que estes proxectos de parques eólicos se realicen de forma vertical, desde a empresa e a Consellería de Industria pero sen ter en conta a valoración da veciñanza das poboacións afectadas, non só en forma de consulta, senón de forma vinculante.
Nesta primeira asemblea tamén se falou do inxusto sistema eléctrico español, no que Galicia produce moita enerxía e, para iso, ten que soportar grandes infraestruturas, pouco planificadas e con consecuencias aínda sen estudar (estase a falar de tecnoloxía moi nova da que aínda non hai experiencia con ela, e menos tan próxima a núcleos rurais), e, pola contra, é a comunidade autónoma que paga a factura eléctrica máis cara de España.