Bisbarra, 26 de agosto do 2019 – A iniciativa titulada ‘O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño’, estende a experiencia divulgativa do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago aos concellos do Camiño de Santiago.
O Camiño das Estrelas forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Con esta iniciativa os profesionais do Observatorio poñen en valor a secular relación da Astronomía co Camiño de Santiago. O proxecto está encamiñado a promover o importante patrimonio natural e cultural como é a Vía Láctea e impulsa o turismo astronómico.
O calendario que comezou hai uns días en Sanxenxo continuará durante o que queda de agosto e setembro. As vindeiras accións previstas serán hoxe luns en Padrón; o 27 de agosto en Ordes, o 29 de agosto en Lalín e o 30 de agosto no Alto da Agrela, no concello de Teo. As actividades comezarán ás 22,00 horas, agás en Teo, cando está prevista para as 21,30 horas.
No mes de setembro o calendario desta iniciativa continuará o día 4 en Ordes, o 5 de setembro no Pico Sacro, en Boqueixón; o 6 de setembro en Vedra, o 20 de setembro en Lalín. En todos os casos as actividades comezarán ás 21,30 agás en Lalín, que será ás 21,00 horas.
Máis de 300 proxectos en toda Galicia
A iniciativa O teu Xacobeo promovida polo Goberno galego acolle unha ampla oferta de actividades para estender por toda Galicia os valores do vindeiro Xacobeo 21. O programa conta cun investimento de 4,7 millóns de euros para poñer en marcha 352 proxectos espallados por toda Galicia e deseñados por concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas galegas, convidando deste xeito á participación de toda a cidadanía e a descentralización da programación do próximo Ano Santo.
As actividades incluídas na programación de O teu Xacobeo abarcan temáticas como a difusión da cultura, o patrimonio, a gastronomía, o deporte e a arte de Galicia coa vista posta na promoción do Xacobeo 2021. Neste caso, as accións enfocadas cara ás actividades de astronomía pretenden promover o turismo astronómico e científico.