Bisbarra, 15 de abril do 2024 – O BNG da Comarca de Compostela rexistrou na Xunta preto dun milleiro de alegacións contra o proxecto de Altri en Palas de Rei.
A deputada nacionalista, Iria Carreira, alerta do grande impacto que terá nos concellos polos que pasa o río Ulla, na Ría de Arousa e en todo o país e demanda a paralización dun proxecto de Altri que é “depredador con consecuencias moi negativas para a nosa terra”.
Para o BNG reunir cerca dun milleiro de sinaturas en pouco tempo é unha boa mostra de que “hai unha oposición contundente a un proxecto que pode ter consecuencias gravísimas non só medioambientais senón tamén económicas ou sanitarias”.
Iria Carreira sinalou que a factoría de Altri é “unha ameaza directa para o noso país, non só para os concellos e comarcas máis afectadas como a Ulloa, Terras de Meide ou o alto Ulla senón tamén para todos os concellos e comarcas bañadas polo río porque nel se fará a captación de auga da factoría e será o que recolla esa auga unha vez pase todo o proceso industrial, co impacto directo a nivel medioambiental e de contaminación, agravando aínda máis as xa malas condicións do río”.
O BNG denuncia a afectación que terá para o Ulla “ que achega auga para procesos industriais e empresarias e dá de beber a milleiros de persoas en Padrón -onde está a estación potabilizadora- Pontecesures ou a comarca do Barbanza, ademais de supor un impacto directo negativo sobre o marisqueo da Ría de Arousa”.
Falta de transparencia da Xunta
Pon en cuestión Iria Carreira, a actitude da Xunta que mostrou unha “total falta de transparencia e información nun proceso en que non dubidou de poñer os recursos deste país ao servizo dunha gran empresa para o seu lucro en lugar de protexer o benestar de galegos e galegas e o futuro da nosa terra”.