Salvo momentos puntuais a calma foi a tónica xeral en toda a bisbarra. A Garda Civil reforzou a súa presenza e coordinouse coas policías locais para garantir a seguridade durante a noite.

Aínda que foi unha noite larga a calma foi a normal xeral na bisbarra. En Ames hai que destacar a intervención no Milladoiro nunha vivenda na que unha persoa maior vivía soa. Os veciños escoitaban queixas e a Policía local acudiu xunto con membros de Protección civil. Tiveron que rebentar a porta e a atoparon tendida nunha habitación, pola escuridade confundiuse ao querer ir ao baño e acabou noutra habitación tirada no chan. Axudóuselle a levantarse, se lle deu unha lanterna e todo quedou nun susto.
Tamén en Ames, ademais de dúas patrullas de policía local, estiveron 4 patrullas da Garda Civil e chegaron dúas máis de intervención rápida que estiveron vixiando as urbanizacións do concello.
En Ordes a calma foi incluso maior onde só se ten constancia de algún pequeno problema de tráfico, moi puntual. Polo demais a noite foi tranquila.
En Brión a noite foi tamén tranquila e no GES no tiveron actuacións que destacar. Dodro garantiu coa empresa concesionaria o servizo de auga e axudou aos maiores do Centro de día a volver as súas casas por petición dos traballadores.
Nos núcleos urbanos as principais incidencias, segundo informa o Consorcio contra incendios e salvamento da provincia da Coruña, foron múltiples avisos de persoas atrapadas en ascensores debido ao corte eléctrico
Os parques provinciais de Boiro, Arzúa, Ribeira e Arteixo atenderon ata nove avisos por persoas atrapadas en ascensores nos respectivos concellos. O corte de luz provocou que os ascensores se quedaran parados, quedando atrapadas as persoas que os empregaban nese momento.
En xeral o servizo está restaurado na maioría dos núcleos de poboación, entre as cinco e as sete foi volvendo o subministro a toda a bisbarra.
Compostela
Cada concello ten as súas particularidades pero na bisbarra Compostela é o que máis xente , servizos, e casuísticas acolle. Este martes a alcaldesa Goretti SanMartín; o concelleiro de Convivencia e Seguridade Cidadá, Xan Duro; e o de Servizos Básicos, Xesús Domínguez compareceron para explicar como foi todo.
O primeiro o bo comportamento de todo o mundo. Desde a veciñanza, a quen Goretti Sanmartín agradeceu civismo demostrado; ata os funcionarios do concello , destacando bommbeiros, protección civil, Policía Local e servizos informáticos.
A colaboración con outras institucións, Xunta e Delegación do Goberno, foi tamén foi moi boa e en especial coa Policía Nacional xa que chegouse a manter unha reunión presencial coa comisaria de Santiago, Nuria Palacios, que permitiu reforzar a seguridade en toda a cidade, en especial durante a noite.
Desde o primeiro momento organizouse un gabinete de crisis que se centrou en conseguir que todos os servizos fundamentais funcionasen. Deste xeito, no caso dos servizos de emerxencia e seguridade, habilitáronse xeradores de xeito inmediato para garantir as comunicacións do Servizo de Extinción de Incendios e da Policía Local.
Aumentouse, así mesmo, o número de patrullas na rúa durante a noite: 7 da Policía Local e 17 do Corpo Nacional de Policía. O Servizo de Extinción de Incendios reforzouse tamén cun equipo enteiro (1 sarxento e 3 bombeiros cun camión) para atender os posibles requirimentos do Plan de Emerxencias de Galicia.
Segundo sinalou o concelleiro de Convivencia e Seguridade, que reiterou o agradecemento á cidadanía polo seu “comportamento exemplar”, tan só se rexistraron tres incidentes: un accidente de tráfico na avenida de Barcelona provocado por un vehículo que saltou un stop e chocou contra un taxi; unha alcoholemia que superaba a sanción penal; e un intento de entrar nun supermercado que non chegou a producirse pola presenza do garda de seguridade.
Xan Duro salientou tamén que se produciron 15 rescates en elevadores ao longo da mañá e que o Servizo de Extinción de Incendios acudiu á praza de Fonseca, á Raíña e ao Porto de Conxo para prestar servizos autónomos da rede eléctrica aos sistemas de evacuación de auga.
Servizos básicos
A alcaldesa tamén salientou que “o abastecemento non se suspendeu en ningún momento, aínda que se acordou reducir a presión do sistema para alongar a dispoñibilidade de auga nos depósitos”.
No servizo de recollida de lixo, as illas de quita e pon quedaron instaladas durante toda a noite e retiráronse a partir das 11 h da mañá. Segundo indicou o edil de Servizos Básicos, “a razón foi a imposibilidade de recargar os vehículos eléctricos tractores”. Xesús Domínguez tamén indicou que se tomaron medidas excepcionais para garantir a dispoñibilidade de todos os vehículos de recollida, baleirando durante a tarde a súa carga en Sogama.
Así mesmo, incorporáronse dous camións de gasóleo, de reserva, que permitiron recoller unha parte significativa da cidade ante a imposibilidade de garantir a recarga dos vehículos eléctricos e de gas natural comprimido.
Suspendeuse o varrido das rúas porque non se podía operar pola falta de luz pero “este persoal reforzou a recollida”. O concelleiro subliñou que como resultado do operativo “completouse a recollida de toda a carga lateral e prestouse o servizo na zona monumental”.
Só quedou pendente, indicou o edil, a recollida no servizo de carga traseira nalgúns puntos da cidade (zona de San Caetano, rúa de Blanco Amor, rúa de Otero Pedrayo, rúa de Teo, rúa de Arzúa, rúa de Xoán XXIII, rúa do Burgo das Nacións, rúa de Vísta Alegre, rúa de Torreira, rúa do Home Santo, rúa do Espírito Santo, rúa de San Pedro, rúa do Medio, rúa do Forno, rúa das Fraguas, Belvís, Seminario Menor e Campo de Santo Antonio), aínda que a concesionaria xa estaba traballando na resolución da incidencia.
Outros servizos
A rexedora tamén lembrou que “as escolas infantís de xestión municipal están abertas no horario habitual e co servizo de comida, aínda que pode haber que realizar algún cambio de menú”.
En definitiva, resumíu Sanmartín, “foi unha noite relativamente tranquila nunha situación de emerxencia que nunca antes vivimos” que fixo “moi evidente a gran dependencia que temos da electricidade e das redes globais, tanto de enerxía como de comunicación”.
