Bisbarra, 4 de xuño do 2024 – A portuguesa Altri dou unha rolda de prensa que xirou arredor das mesmas ideas que veñen defendendo sen meterse en fonduras.
Si no póker o empate fora unha posibilidade ese sería o resultado da partida xogada entre medios de comunicación e Altri. En concreto entre os medios e José Soares da Pina, CEO da empresa e que levou a voz cantante en todo momento.
Preguntouse moito polo investimento pero, desde unha perspectiva local, só servirá para montar a fábrica. Os postos de traballo, 500 segundo Altri, ninguén poden garantir que sexan da zona xa que unha boa parte serán especializados e, en consecuencia, chegarán de calquera parte. Finalmente sobre o proxecto en si e o risco de contaminación quedan dúbidas, pode que demasiadas.
Os detalles
A medida que os xornalistas preguntaban e José Soares respondía quedaba claro que, como el mesmo dixo en algunha ocasión, para todo hai opinións distintas. José Soares falou en moitas ocasións do feito de que eran os datos equivocados os que provocaban o rexeitamento da cidadanía. Lindeiros preguntoulle en este punto polas reunións mantidas coa veciñanza que acabaron por ser suspendidas; si os datos que eles manexan son claros esas reunións terían que acabar por convencer aos veciños ou cando menos evitar a discusión. Esta foi a resposta.
Preguntamos tamén por outra cuestión que chama a atención. O prezo do eucalipto é uns 10 € por metro cúbico máis caro que, por exemplo, o bidueiro. Só isto sería unha razón de peso para promover a compra de esta especie. En este punto José Soares pasoulle a pelota ao técnico Carlos Van Zellen que sen descartalo non parecía moi convencido.
O que resulta evidente é que se non se promoven especies máis respectuosas coa contorna, como o bidueiro, o produtor non apostará por ela. As ambigüidades non apareceron só con respecto á madeira. Tamén sobre a temperatura á que sairá o vertido ao río. Soares insistiu moito en que se cumpriría a normativa pero tamén dixo que estaban a traballar niso co que a incerteza permanece.
Era cuestión de tempo que saíra o informe de Ramón Varela Díaz, experto en contaminación atmosférica, que asegura que os datos indican que será a planta máis contaminante de España. Algo que xa contamos hai unha semana e que podedes ler aquí. A resposta é que “todo o mundo ten opinións e que outros catedráticos din outras cousas”. En este punto tamén interveu Carlos Van Zeller quen dixo que non se pode crer que despois de abrir, hai vinte anos, unha fábrica das más eficientes en Portugal agora abran unha máis contaminante.
Contaminación en Portugal e I+D
Dúas cuestións máis. Por unha banda a contaminación en Portugal que, como é lóxico, xera dúbidas en Galicia. No 2018 un dos episodios no río Tejo (Tajo) chegaba ao parlamento luso e o ministro do ramo aseguraba “Isto não foi um episódio de poluição. Isto foi uma situação onde se revelou poluição acumulada e escondida. Aquilo que as análises revelaram não foi que houve uma falha no sistema de drenagem, não foi que houve uma descarga excessiva, aquilo que as análises revelaram é que este fenómeno que agora veio à tona de água, literalmente, resulta dos sedimentos que se foram acumulando durante anos naquelas albufeiras”. Preguntado por este episodio en particular José Soares di que nunca foron sancionados e que foron outras as fábricas causantes.
O certo é que a falta de sancións é algo que atinxe aos gobernos; que non existan non quere dicir que non haxa contaminación, so que non hai sanción. Por outra banda este foi un episodio pero unha sinxela procura na internet da un bo feixe de novas sobre a oposición a Altri en moitos sitios do pais veciño e outros tantos episodios de contaminación.
A segunda peza ten que ver con lignina, un residuo do proceso. En distintos puntos de Europa hai biorefinerías que traballan sobre ese residuo para convertelo en produtos comerciais. En algúns casos trabállase desde hai anos en este tema e considérase que é o que pecha por completo o ciclo da madeira. Carlos Van Zellen recoñece que en Portugal teñen un proxecto de este tipo financiado con fondos europeos, mesmo que xa converten a lignina en produtos, pero sen embargo non se contempla para Palas.
Conclusións
A idea principal é producir fibra téxtil pero antes de chegar a iso o que se fará será pasta de papel e, como é lóxico, os tempos de transición os marcará a empresa. Emitiranse 100.000 toneladas de CO2 , pero non serán de combustibles fósiles aínda que non quedou clara a diferencia. A decisión tomarase antes de que remate o ano. Hai sobre a mesa 23.000 alegacións.
Altri non conseguiu convencer aos xornalistas pero teremos que seguir de cerca un tema moi complexo, e moi perigoso. Lindeiros solicitara hai 15 días unha entrevista pero pedían ter as preguntas por escrito e contestar do mesmo xeito, ao que preferimos dicir que non.
Na rolda de prensa os medios poderían estar facendo preguntas toda a tarde pero as respostas serían as mesmas. Un encontro que rematou case que por esgotamento das partes. Taremos que seguir atentos para ver que sucede nos vindeiros meses.