Bisbarra, 24 de setembro do 2024 – Adega convoca a XVII Limpeza Simultánea de Ríos “Móllate polos ríos” para o vindeiro domingo día 29 en toda Galicia.
En esta limpeza de ríos participarán máis de 70 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…), moitas delas asiduas nestas convocatorias e outras moitas que se suman por primeira vez a esta decimo sétima edición.
As limpezas simultáneas terán lugar o próximo domingo, 29 de setembro, e mobilizarán unha gran cantidade de persoas voluntarias que se mollarán polos ríos en 56 concellos co obxectivo de deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. Ademais, o vindeiro venres, día 27, celebraranse tamén limpezas simultáneas nas que participará alumnado dos centros de ensino.
Calquera persoa pode unirse á limpeza na localidade máis próxima
Calquera persoa particular interesada no voluntariado ambiental pode unirse a esta Limpeza Simultánea de Ríos poñéndose en contacto coas propias entidades locais que artellen limpezas na súa localidade.
Nesta ligazón da web de Proxecto Ríos pódese consultar a listaxe destes concellos e asociacións organizadoras xunto cos seus datos de contacto, no caso de todos aqueles grupos que non estean xa pechados. A Cañiza, A Coruña, Allariz, Ames, Baamonde, Betanzos, Catoira, Castro de Rei, Moaña, Monforte de Lemos, Ourense, O Irixo, Compostela, Vigo… Todas as persoas atoparán preto delas a posibilidade de calzar as botas e axudar ao coidado dos nosos ecosistemas fluviais.
Limpeza Simultánea e Proxecto Ríos
A Limpeza Simultánea de Ríos pretende divulgar as chaves para realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Neste sentido, ademais de poñerse mans á obra para limpar os ríos, a organización ecoloxista ADEGA repartirá un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descargar na web de ADEGA.
O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación.
Colaboracións
Este ano, a Limpeza Simultánea de Ríos desenvólvese coa colaboración dos Concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Cangas do Morrazo, Fene, Gondomar, Meis, Melide, Miño, Moaña, Narón, Nigrán, Ourense, Pontecesures, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Compostela, Soutomaior, Tomiño e Verín.
Trátase dunha actuación financiada por Augas de Galiza, Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.