Bisbarra, 1 de xuño do 2023 – A Asociación Pola Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, inicia unha nova campaña de recadación de fondos para parar os proxectos Valdepereira e Pico Seco.

Os proxectos recibiron autorización da Direción Xeral de Planificación Enerxética o pasado luns día 29. O proxectos están promovidos nos concellos de Lalín e O Irixo e ADEGA vén de facer públicas as seguintes plataformas online de crowfunding co fin de poder emprender accións legais:
https://tipodesparalos.helpbysc.com/valdepereira https://tipodesparalos.helpbysc.com/picoseco
ADEGA alerta da ameaza á Serra do Candán
O macropolígono eólico conformado por Valdepereira e Pico Seco está promovido pola empresa Aerogeneración Galicia, S.L.nas comarcas do Deza e O Carballiño. Conxuntamente, ambos proxectos suman máis de 50 MW de potencia eólica e 13 aeroxeradores que acadan 180 metros de altura.
Segundo ADEGA a envergadura e localización do proxecto supón unha especial ameaza para espazos naturais protexidos como é a Serra do Candán cualificada Zona de Especial Conservación (ZEC).
As instalacións racharían abruptamente a conectividade ecolóxica entre varios espazos protexidos próximos, como son tres áreas prioritarias para a protección da avifauna, ou as zonas de Rede Natura Serra do Candán, Serra do Cando, Pena Veidosa, Monte Faro ou Brañas do Xestoso.
Os aeroxeradores afectaría a avifauna incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) en estado vulnerable. Tamén causaría prexuízos significativos para o lobo pois afecta directamente a zonas de encame e puntos de encontro desta especie, pois as infraestruturas eólicas fragmentarían o seu hábitat.
A calidade paisaxística da contorna tamén se vería gravemente comprometida, afectando a varias devesas maduras de alto valor ecolóxico e cultural, como a devesa da Ermida do medio ou do Campo dos Lobos, a devesa e coto de Surribas, a devesa do Alén, a devesa de Abeleda, a devesa de Froufe ou o val do río Viñas, onde conflúe co río do Testeiro.
No caso do proxecto eólico Pico Seco hai que destacar unha especial afección no patrimonio cultural, xa que terá repercusións directas no interese do conxunto etnográfico “Foxo do Cabrito”, no vello Camiño de Arrieiros, ou no castro de Zacarade.
Un mes para acadar o primeiro reto da campaña
ADEGA márcase como obxectivo mínimo de recadación, para cada desafío, 6.500 euros. Porén, a recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de un mes, ata o 1 de xullo, na que será preciso acadar un mínimo de 3000 euros para cada un dos proxectos, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión.
Nunha segunda fase, procurarase acadar outro tanto para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como á solicitude de paralización cautelar.
Outros desafíos #TPP en activo
Todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña no seguinte enlace #TiPodesParalos
ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns da campaña “Ti podes paralos!” a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA en este enlace
Todas as doazóns que se efectúen á campaña “Ti podes paralos!” poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.