Bisbarra, 13 de xuño do 2024 – A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, inicia unha recadación de fondos encamiñada a frear o polígono eólico denominado O Barbanza, en Boiro.
O Barbanza situaríase nunha zona proposta pola Xunta de Galicia, no ano 2008, para formar parte da rede Natura 2000. Uns terreos que foron ademais designados como “LIC (Lugares de Importancia Comunitaria) Serra do Barbanza”.
ADEGA precisa reunir 8.100 euros para recorrer este proxecto eólico ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A súa autorización administrativa previa e de construción foi publicada no Diario Oficial de Galiza o 22 de febreiro deste ano.
Este tipo de campañas permitiron levar ante a Xustiza unha trintena de proxectos eólicos e conseguiron varios éxitos nos tribunais, como as recentes paralizacións cautelares dos proxectos Monte da Croa, Pico Seco, Rodicio II, Monte Toural, Serra do Punago ou Rodeira.
Para poder contribuír, ADEGA acaba de facer pública a seguinte páxina de crowdfunding:
https://tipodesparalos.helpbysc.com/obarbanza A asociación ecoloxista chama á colaboración cidadá para alcanzar o obxectivo mínimo de doazóns establecido para este desafío, un total de 8.100 euros.
Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes, e comezou onte, na que será preciso acadar un mínimo de 4.000 euros, que garantirá a presentación dos recursos de alzada contra a autorización administrativa previa e de construción do proxecto eólico e a elaboración do informe técnico ambiental.
Nunha segunda fase procuraranse 4.100 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo no TSXG e a solicitude de paralización cautelar.
Afectacións
O polígono eólico O Barbanza situaríase sobre tres hábitats prioritarios. Breixais húmidos atlánticos, turbeiras altas activas e formacións herbosas con Nardus, veríanse directamente afectados por este proxecto, ao igual que as zonas húmidas presentes na zona, algunhas delas incluídas no Inventario dos Humidais, como é o caso das Brañas da Serra do Barbanza.
Na zona habitan aves ameazadas como a tartaraña cincenta e especies de anfibios vulnerables como a ra patilonga, a estroza e a saramaganta. En canto á flora, no Estudo de Impacto Ambiental nin sequera figuran os impactos deste proxecto sobre dúas especies de narcisos endémicos, xa que as prospeccións de campo foron realizadas probablemente fóra da súa época de floración.
A nivel patrimonial, o proxecto emprazaríase nos chamados Chans do Barbanza, cunha das maiores densidades de xacementos arqueolóxicos do país, que abranguen dende o paleolítico ata a idade do ferro, pasando por unha das máis importantes representacións do megalitismo peninsular (a Arca do Barbanza, a poucos centos de metros do novo parque, é o meirande monumento galego desta idade).