Bisbarra, 27 de agosto do 2020 – Seguen en aumento os casos na Área Sanitaria de Santiago Barbanza cun total de 382 casos activos por Coronavirus.
En Compostela a boa nova é que as probas realizadas na residencia de maiores Volta do Castro deron negativas polo que o positivo segue a ser só un. Sobre o centro de distribución de Correos non se comunicacron novidades polo que seguen sendo 12 os afectados por Coronavirus.
Onte estendeuse por toda a cidade o rumor de que existía un brote no Centro Comercial As Cancelas. Lindeiros.gal falou coa Área Sanitaria de Santiago e con responsables de comunicación vinculados a empresas ubicadas alí e non se confirma tal brote. Algunhas fontes explican que un traballador dun dos negocios dou positivo polo que non acudiu a traballar, realizáronse probas a todo o seu entorno e todas deron negativas.
As cifras por concellos que facilitamos en Lindeiros non saen da Xerencia do Sergas que só comunica datos globais distribuídos por áreas sanitarias. Os datos que facilitamos son recollidos por Lindeiros das informacións públicas dos concellos, de conversas directas con colaboradores ou de fontes de confianza; por esta razón pode haber pequenas variacións ao longo dos días.
Actualización de datos
Melide
Non hai cambios no gromo de Melide, son 38 positivos por Coronavirus con tarxeta sanitaria no concello e 25 máis da contorna.
Negreira
Son 10 positivos no concello que tomou a decisión de pechar parques infantís de xogo, instalacións deportivas ao aire libre e edificios culturais.
Tamén suspenderonse as actividades do campamento urbano Respira e mailos obradoiros Diververán, xunto a toda a actividade cultural ata novo aviso.
Ordes
Non hai cambios na situación de ordes que se mantén en 15 positivos
Outes
O concello de Outes no Barbanza súmase aos que declaran positivos por Coronavirus. Informa da existencia de varios casos en dúas unidades familiares, unha de 5 membros non residentes no concello e outra de 2 membros. Os casos non están relacionados entre si e en ambos o contaxio produciuse fóra de Galicia. Actualmente os afectados permanecen confinados nos seus domicilios.
Padrón
A capital do Sar mantén o número de afectados en 6.
A Pobra
O gromo da Pobra é de 11 casos a partir dos 5 positivos nunha empresa da vila. Os outros seis son contactos estreitos de eses traballadores. O Sergas fixo estes días 183 PCR entre os empregados.
Santa Comba
Según o último bando do alcalde son 28 os casos positivos e faltan por coñecer os resultados da últimas probas realizadas entre os contactos estreitos
Silleda
Silleda informa de 5 afectados por Coronavirus. O concello decidiu adiantar ao próximo luns 31 o peche das piscinas municipais. Tamén apraza o festival da Escola de Música Municipal que tiña previsto celebrar a sección da Bandeira este domingo ao mediodía na praza da localidade.
Tordoia
Tordoia confirma catro persoas con resultado positivo, todas en situación de illamento domiciliario.
