
O 25N é un día o ano, todos deberían ser iguais de reivindicativos pero cando menos lembramos que a loita continúa e segue sendo moi necesaria. Toda a bisbarra celebrou actos e leu comunicados contra a violencia contra a muller.
Aquí van algúns exemplos pero en tódolos concellos celebráronse actos parecidos e durante todo o mes de novembro a cidadanía acudiu aos actos que se foron organizando, o compromiso segue e seguirá por parte da veciñanza.
Ames conmemorou a xornada entregando libros sobre o 25N en infantil e primaria, coa lectura do manifesto e a actuación musical de Belén Tajes. O venres continuarán os actos coas xornadas “Achégate á igualdade”.


Boqueixón deixou a súa pegada nun libro. Tras gardar un minuto de silencio en memoria das vítimas, as persoas presentes asinaron no Libro Violeta de Boqueixón, unha campaña organizada polo CIM para so concellos de Boqueixón, Touro e Vedra, coa colaboración do Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.


Brión acolleu un espectáculo a cargo de Teatro das Maniotas, grupo teatral conformado por alumnos e alumnas do IES do concello. Ao mediodía tivo lugar a concentración e lectura do manifesto institucional polo Día internacional para a eliminación da violencia de xénero na praza do concello de Brión.


Frades centralizou nas crianzas as súas actividades conmemorativas do 25 novembro. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, acudiu ao CPI Ponte Carreira para repartir material conmemorativo e participou na campaña “Pasos firmes, pasos seguros”, organizada pola Mancomunidade de Ordes en colaboración co Concello de Frades, a Cruz Vermella, a Xunta de Galicia e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Lousame simbolizou a loita do 25N poñendo en marcha a campaña “Abrígate baixo o paraugas do bo trato”. O acto contou coa participación do alumnado do CPI Cernadas de Castro e integrantes das asociacións A Misela e Amicos, que deron lectura a mensaxes e haikus contra a violencia de xénero

Na Pobra a comunidade escolar levou a voz cantante nas reivindicacións do 25N. O fixo cunha ofrenda nos Xardíns Valle-Inclán e frases como “Non ao medo a entrar na casa” “xa non máis dor” ou “por todas as mulleres asasinadas no mundo”.


Ribeira escoitou tamén aos rapaces e convidou á veciñanza a reflexionar sobre as frases que escribiron nas aulas, sobre as vítimas da violencia de xénero e sobre o que cada un podemos facer para construir un mundo máis seguro.

Compostela recibiu no Pazo de Raxoi a alumnas de 1º de Bacharelato do IES Antón Fraguas e de 3º da ESO do IES de Sar, que deron lectura a textos de rexeitamento á violencia machista nas súas diferentes formas. A continuación concelleiras dos distintos grupos municipais leron o manifesto polo 25N.

Vedra, como Boqueixón e Touro, desenvolveu a iniciativa “O libro Violeta, a túa igualdade ten premio, rompe o ciclo da Violencia” e o instalou na contorna do pavillón municipal, o CPI de Vedra e o Centro Sociocultural para darlle visibilidade. Un punto de atención cidadá co obxectivo de sensibilizar e informar dos recursos e servizos dispoñibles contra a violencia de xénero e construír o noso libro en contra da violencia de xénero.

