Compostela, 23 de febreiro do 2018 – A Universidade de Santiago ofertará o próximo curso tres novas titulacións: Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe, a última no campus de Lugo.
A USC ofertará o vindeiro curso 4.700 novas prazas para titulacións de grao, segundo o documento aprobado este xoves polo Consello de Goberno. A principal novidade na proposta de límite de prazas da universidade compostelá será a posta en marcha de Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe, esta última no Campus de Lugo, con 50 prazas cada unha. O resto de titulacións manteñen a oferta actual agás Bioloxía que pasa de 119 a 110, Medicina de 360 a 342 e Administración e Dirección de Empresas de Lugo de 90 a 85.
Na mesma xuntanza do órgano colexiado informouse de que a Comisión Electoral Central anunciará a vindeira semana o calendario electoral para a elección de reitor ou reitora e a renovación de representantes no Claustro Universitario.
Prazas en residencias
Outro dos asuntos que se trata nesta xuntanza do Consello de Goberno é a convocatoria ordinaria de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias (SUR) para 2018/2019. Esta inclúe 1.071 prazas, a gran maioría delas (945) para alumnado de grao ou primeiro e segundo ciclo. Do total reservaranse outras 48 para alumnado de mestrados universitarios e outras 41 para estudantes de doutoramento a tempo completo e persoal investigador en formación. Aquelas persoas da comunidade universitaria con necesidades educativas específicas derivadas dunha condición de discapacidade terán reservadas outras 27 prazas, ás que se sumarán outras 10 a repartir entre estudantado de posgrao propio e Persoal Docente e Investigador ou de Administración de Servizos.
Os prezos das habitacións calcularanse en función da Renda Persoal Dispoñible de quen as solicita e arrancan en 405 euros, custe total da estadía nun cuarto dobre compartido durante un período de nove meses a contar dende o día de apertura do curso.
O Consello de Goberno tamén tratou a convocatoria de prazas no SUR para estudantes internacionais durante o próximo curso, aos que se reservarán 118 prazas. O alumnado interesado poderá escoller entre o curso completo ou por semestres, tanto en habituacións individuais como dobres. A maiores destas dúas convocatorias, o Consello abordou ademais a destinada a estadías no SUR para membros da comunidade universitaria participantes en actividades da Universidade de Verán 2018, durante o período comprendo entre o 1 de xuño e o 31 de agosto próximos.
Orde do día
Outros puntos tratados nesta xuntanza foron o límite de prazas en mestrados e programas de doutoramento para o próximo curso 18/19, ademais do acordo de esixencia de nivel de coñecemento de idioma para a matrícula en estudos de grao ou máster para o alumnado estranxeiro ou a aprobación o regulamento de réxime interno das Escolas de Doutoramento Internacional de Campus Terra; en Ciencia e Tecnoloxía; en Ciencias da Saúde; e en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, entre outros puntos.