Ames, 28 de setembro do 2017 – As bibliotecas de Ames instalan estes días o sistema de xestión koha que será común a toda a rede bibliotecaria galega.
A instalación do novo sistema permitirá, entre outras cousas, a creación dun catálogo único e a unificación dos carnés de socios, que comezarán a ser válidos en toda a Rede.
As bibliotecas municipais de Ames permanecerán pechadas por este motivo ata o vindeiro luns, 2 de outubro aínda que as aulas de estudo si se poderán usar.
Ames é un dos primeiros concellos en migrar do sistema Meiga, usado ata o de agora, ao KOHA. Isto posibilitará a integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia, coa creación dun catálogo único e a unificación do traballo do persoal técnico das bibliotecas. Outra das novidades que trae consigo a instalación deste novo sistema é a creación dun carné único para todas as usuarias e usuarios das bibliotecas, podendo acceder aos servizos de todas as integradas na Rede. As socias e socios deberán pasar polas bibliotecas municipais de Ames nas próximas semanas, para obter o novo carné.
Os traballadores das bibliotecas de Ames están xa a formarse na xestión e emprego do novo sistema. Asemade, tamén están aproveitando estes días, de peche das bibliotecas, para realizar o inventario.