No número 6 do Lindeiros en papel, dedicábamos esta sección á Biblioteca América, situada no Pazo de Fonseca; pero a USC e a súa Biblioteca, Xeral da que dependen todos os fondos dos distintos edificios, é unha fonte de lugares por descubrir para os amantes dos libros e das estancias dedicadas a eles.
A Biblioteca Xeral conta con 862 manuscritos, 141 incunables, 27.725 impresos dos séculos XVI ao XVIII e 29.727 impresos publicado entre 1801 e 1900 ademais dun edificio de 5 plantas acondicionado para aloxar 300.000 volumes.
Os datos mencionados lévannos a outro deses lugares por descubrir para a área metropolitana de Compostela. Xa sexa un afeccionado aos libros, un profesor de instituto entusiasta ou un erudito a sala de investigadores é un deses sitios a ter en conta, Situada na primeira planta do edificio de Fonseca por ela pasan cada ano investigadores de todo o mundo para consultar os fondos da USC, pero tamén veciños en busca de datos da súa historia máis próxima ou afeccionados á investigación, incluso en unha ocasión unha muller que so buscaba inspiración e que quedouse alí un bo rato tan so para pensar. É curioso observar como nas épocas de vacacións noutros lugares, aumenta a afluencia de investigadores que aproveitan o seu tempo libre para viaxar até aquí e continuar co seu traballo.
A Biblioteca conta ademais cun gran recurso en rede que permite a procura de exemplares pola colección histórica, pola de América, pola de Galicia ou unha máis xeral. Pódese indagar na procedencia dos exemplares a través dos seus antigos posuidores e todo iso desde a comodidade do computador, aínda que se queremos consultar algún teremos que pasar pola sala da que falamos.
A sala de investigadores ten ademais un gran tesouro no seu interior como é a Biblioteca do Arcebispo Lago González adquirida por subscrición popular a principios do século XX; Manuel Lago González era considerado un home moi culto en materias como a historia, a literatura ou a botánica, ao longo da súa vida reuniu 6.000 volumes vinculados na súa maioría a esas artes ademais de 41 incunables. Cando morre en 1925 o reitor da universidade, Luís Branco Rivero impulsou un peditorio popular para a súa compra e como método para evitar a separación dos libros, desta forma en 1929 foi incorporada na súa totalidade á Biblioteca Xeral e agora podémola contemplar nesa sala de investigadores.
Dada a gran cantidade de libros, da biblioteca Lago e das outras, pódese contar como anécdota que moitos deles non foron abertos nunca, comprábanse por lotes e colocábanse nos andeis sen que dese tempo a ler todo polo que se é un afeccionado á investigación pense que aqui ten unha porta rápida e accesible a tesouros por descubrir, moitas veces o máis interesante témolo á beira de casa e só temos que saír a buscalo.
Queremos agradecer a amabilidade da directora da Biblioteca Mabela Casal Reyes e a encargada da sala de investigadores Ana que nos acompañaron nesta visita.