займ срочно

Barbanceses en Mauthausen,  a vida de catorce veciños no campo de concentración

0

A Pobra, 27 de setembro do 2021 – A Pobra acollu a presentación do caderno n.°7 da colección Episodios Republicanos Barbanzáns, dedicado ao campo deconcentración de  Mauthausen.

O Auditorio do Museo Valle-Inclán recibiu a un nutrido número de persoas asistentes, entre os que se atopaban familiares dalgúns dos barbanceses que estiveron no campo de concentración de Mauthausen.

A presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, Celia García, fixo fincapé na importancia deste tipo de iniciativas coas que se pretende, segundo indicou, “achegarnos esa memoria soterrada” ao tempo que, dirixíndose aos citados familiares presentes, “sexa un bálsamo para o voso sufrimento e para a vosa dor.” Así mesmo, volveu felicitar ao Concello por contar no seu organigrama cunha concellaría dedicada á Memoria Histórica, manifestando as gañas, por parte da entidade que representa, de colaborar e sacar adiante proxectos.

Doutra banda, o autor do caderno, Xoán Fernández Callón explicou que o traballo se estrutura en tres partes. A primeira refírese ao porque houbo españois en campos de concentración nazis, a segunda expón que foi Mauthausen e o que supuxo, e a terceira relata como varios barbanceses acabaron alí e faise un repaso pola súa vida.

Ofrécese unha contextualización na que se fala do franquismo, do exilio, do holocausto, etc, e dos 14 veciños que estiveron en Mauthausen. Os seus nomes: José Callón Peón, Manuel Fernández Parada, José García Sobrido, Juan González Pillado, José Millán Martínez, Juan Cameán San Isidro, Francisco Caamaño Fernández, Marcelino Outeiral Ríos, José Naveiro Couso, José Mínguez Castro, Francisco Pena Romero, Juan Rey Lago, Manuel Figueroa Lires e Eduardo Romaní Abeijón.

O concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), puxo en valor o labor da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza “pola súa dedicación, polo seu traballo, polo seu esforzo, por darnos a coñecer a nosa historia máis próxima e descoñecida da nosa veciñanza, silenciada durante tantos anos”, ademais de expresar o seu agradecemento por “contribuír a construír un mundo máis xusto e democrático, e por facernos cada día un pouco máis ricos en coñecementos.”

O edil tamén  precisou que o sucedido con eses veciños que foron “tan maltratados inxustamente, perseguidos, inxuriados, durante tanto tempo, tan só por un único motivo, por pensar diferente”, se traduce “en catorce familias destruídas no seu momento con tanta dor e padecemento.” Ademais, tivo palabras de agradecemento para o autor do caderno, do que subliñou o enfoque pedagóxico, pois “ábresnos os ollos, dás un paso máis alá e nos fas entender unha información á que non é fácil chegar.”

O acto contou coa lectura dun poema musicado da man de Sara García, con Ruth Monteagudo ao violín e Marta Sopeña á guitarra; e fíxose entrega dun ramo de flores aos familiares dalgúns dos mencionados veciños.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies