Bisbarra, 19 de abril do 2024 – A Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, en Silleda, celebra o vindeiro domingo día 28 un recital no que estrea repertorio, director e disco.
A formación de Bandeira presentará ao público o novo repertorio da tempada que interpretarán xa baixo a batuta do seu novo director: Braulio Cao Leo. O concerto, previsto para as 18:30 horas no auditorio Manuel Dopazo, suporá a estrea oficial de Cao na dirección, tomando o relevo de Manuel Otero Payno. Cao Leo volta á formación que xa dirixiu hai anos tralo seu paso pola Banda de Música de Padrón.
No concerto, tamén se presentará o novo disco da formación, co título “Viva a música e siga”, gravado o pasado mes de decembro pola Banda Recreativa e Cultural de Bandeira.
A presidenta da Banda, Bea Rodríguez Pena, agradeceu o apoio do Concello nesta actividade e amosou a ilusión da formación por esta triple estrea.
Rodríguez, participou na presentación xunto coa alcaldesa, Paula Fernández, que parabenizou á Banda Recreativa e Cultural de Bandeira por este novo traballo; a concelleira de Cultura, Mónica González, e Javier Penido, integrante da formación e membro da directiva.