Bisbarra, 12 de agosto do 2024 – O pleno municipal da Baña decidiu o destino de 215.186 euros do POS adicional da Deputación que se destinarán nunha boa parte á reforma das dependencias municipais.
Non será só a a casa do concello a que se reforma co POS. as melloras tamén chegarán ao edificio de Usos múltiples da rúa Tedelle. Outra parte dos cartos destinaranse a gasto corrente. No pleno os puntos da orde do día aprobáronse por unanimidade dos tres grupos políticos.
Na Casa do Concello en San Vicenzo crearase un punto de atención cidadá na planta baixa, habilitando un mostrador no lugar que ocupan os Servizos Sociais. As oficinas de Servizos Sociais trasladaranse ao inmoble da Escola de Música Emilio Andújar, para o que será preciso redistribuír espazos en desuso neste edificio de usos múltiples e mellorar as infraestruturas de telecomunicación co fin de garantir a seguridade dos datos.
Durante o debate, o voceiro do Partido Popular, Andrés García Cardeso, suxeriu que este proxecto debería terse presentado ante a Dirección Xeral de Administración Local para optar á subvención de remodelación das casas consistoriais, que cobre o 100% dos investimentos. O alcalde, José Antonio Pereira, respondeu que xa se solicitara este tipo de axuda para a Escola de Música Emilio Andújar o ano pasado e para as Aulas de Informática deste ano, pero ambas as peticións foran denegadas.
Por outra banda, Pereira recordou que os 121.288,83 € recibidos na primeira fase do POS+ Adicional irán destinados á mellora do viario en Vilar da Torre (35.421,14 €) e á mellora da capa de rodaxe da pista de Cerdeiras en Corneira (85.867,69 €). Con esta nova achega de 255.986,93 €, a asignación provincial ao Concello ascende en total a 377.275,76 € para o POS+ Adicional 2024.
A Corporación da Baña deulle luz verde á participación no POS+ Adicional 3/2024, para a redución da débeda do Concello coa Deputación da Coruña relativa ao préstamo provincial nos plans de 2015 a 2023. O importe da achega provincial é de 39.124,83 €.
Festivos locais e ordenanzas
As datas elixidas para os festivos locais de 2025 foron o 22 de xaneiro, día de San Vicenzo, e o 9 de setembro, festividade da Virxe das Dores. Estas datas, que coinciden con mércores e martes respectivamente, seguen a tradición do concello e foron aprobadas cos votos a favor dos tres grupos políticos representados no pleno: PP, PSOE e BNG.
Outro punto relevante da sesión foi a aprobación da ordenanza xeral reguladora da concesión de subvencións, que contou co respaldo unánime dos membros da corporación. Esta ordenanza someterase agora a información pública, permitindo a presentación de reclamacións ou suxestións nun prazo de 30 días. De non presentarse ningunha, considerarase aprobada definitivamente.
Ademais, o Pleno aprobou de forma definitiva a ordenanza municipal reguladora da protección contra a contaminación acústica, que ten como obxectivo principal regular o exercicio das competencias que en materia de protección do medio corresponden ao Concello da Baña, especificamente no relativo á contaminación por ruído e vibracións. A ordenanza busca garantir o dereito á intimidade persoal e familiar, á protección da saúde e á calidade de vida da veciñanza.
Concellos emprendedores
O Pleno tamén aprobou a adhesión do Concello da Baña ao protocolo xeral de actuación “Concellos emprendedores Doing Business Galicia”, un acordo entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) destinado a fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia.
A través desta adhesión, o Concello da Baña comprométese a adoptar medidas que faciliten a creación de novas empresas, mellorando a contorna empresarial e favorecendo a atracción de investimentos ao territorio.