A Baña, 2 de outubro do 2020 – O Concello da Baña vai modificar a comisión de seguimento da covid-19 que pasará a estar constituída pola secretaria municipal e un representante de cada grupo político presente na Corporación.
A nova Comisión de seguimento da Baña proporá por consenso a adopción das medidas que considere necesarias e o traslado de información sistemática de xeito regular. A proposta presentada por Compromiso por Galicia foi aprobada por unanimidade, despois de que dende secretaría se aclarase que este órgano non é resolutivo e só pode facer propostas.
A comisión constituirase a vindeira semana, momento no que se fixará a periodicidade das reunións. Esta comisión sustituirá constituída ao inicio da pandemia, da que forman parte o alcalde a concelleira de Servizos Sociais e a secretaria, e que foi moi criticada polo voceiro de CxG Cesar Ramos pola pouca información que transmite.
O PP tamén considera necesaria esta comisión para propoñer medidas por consenso. A secretaria municipal aclarou que este órgano non é resolutivo e que só podería propoñer actuacións.
Mascaras para os escolares
Para axudarlles ás familias a sufragar os gastos extraordinarios que neste comezo de curso representa a compra de máscaras e xel, Compromiso por Galicia solicitou que o Concello merque máscaras para facilitarlle ao alumnado empadroado no concello. A proposta foi aprobada por unanimidade, e farase extensiva a todo o alumnado dos centros educativos da Baña, estean empadroados ou non, como solicitou o alcalde. Mercaranse máscaras reutilizables para entregarlle un mínimo de dúas a cada neno ou nena.
Tamén por unanimidade aprobouse a iniciativa de CxG para reclamarlle ao Goberno central que se aplique un IVA reducido do 4% á compra de máscaras e xel hidroalcohólico (actualmente é do 21%) como ocorre en outros países. Tamén se lle solicitará á Xunta de Galicia que asuma a desinfección dos parques infantís.
Dende o Partido Popular amosaron a súa satisfacción porque o IDAE aceptara as alegacións do Concello e manteña a subvención de 394.546,96 euros para substituír 2.281 luminarias do alumeado público do municipio (das 2.327 puntos existentes) por lámpadas.
Andrés García Cardeso (PP) preguntou por que non se modificou a ordenanza de taxa do PAI para establecer matrícula gratuíta para o segundo fillo, como anunciara a Xunta. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica González, respondeu que ata estes últimos días, dende a Consellería de Política Social non aclararon como había que tramitar esa gratuidade. “A Xunta acaba de indicar que asumirá esa matrícula con cargo ao convenio e pediunos documentación, que estamos a preparar para remitirlle o antes posible. Ata o de agora, todos os concellos con puntos municipais de atención á infancia non tiñamos amparo legal para esa matrícula gratuíta”, explicou.