Bisbarra, 31 de xaneiro do 2025 . O pleno ordinario municipal da Baña ven de aprobar o orzamento do concello para este 2025 e que ascende a 4,6 millóns de euros.

Uns orzamentos que se converten nos máis altos da historia da Baña. No capítulo de ingresos, a partida principal (un 66,86%) procede das transferencias correntes dos tributos da Xunta, dos do Estado e do fondo de cooperación local.
Outro millón de euros procede dos impostos directos e das taxas e prezos públicos. As transferencias de capital (subvencións procedentes doutras administracións ou entidades privadas) estímanse en 362.000 euros.
Nos gastos da Baña, a partida máis importante será a dos gastos correntes e os servizos á veciñanza, con 1,97 millóns de euros. Os gastos de persoal contarán con 1,46 millóns de euros e 179.000 euros mais para as transferencias correntes, achegas que o Concello traslada ás familias, asociacións, entidades supramunicipais ou programas de emerxencia social, entre outras.
Para investimentos reais quedan reservadas 953.000 euros no orzamento. Entre as obras que se prevén executar está o abastecemento de auga en Nantón, o saneamento en Vilar Novo, a rede de distribución de auga potable na parroquia do Barro. A partida máis importante é para continuar coa mellora da estrada Lañas-Paramos, no tramo que vai de Lañas ata o Pazo (Cabanas), con 306.236 euros, dos que o Concello aportará 106.236 euros a Deputación outros 200.000.
A ampliación do punto de atención á infancia é outra das obras incluídas nos orzamentos, para que o centro conte con 11 prazas máis. Isto permitirá atender ata 31 menores de tres anos e intentar acabar a lista de agarda que hai actualmente, xa que as actuais 20 prazas do centro non son suficientes para a demanda existente. O investimento total para esta obra ascende a 162.793 euros, dos que 94.754 serán fondos propios municipais.
Durante o debate, a tenente de alcalde e concelleira do BNG, Mónica González Blanco, dixo que dentro do goberno houbera acordo co grupo socialista na maioría dos aspectos da elaboración dos orzamentos, pero considerou excesivo deixar 193.000 euros para o plan municipal de obras. Dende o BNG condicionaron o seu apoio aos orzamentos a que unha porcentaxe desta partida “se destine a pagar débedas coas empresas que traballan para o Concello e non prexudicar a veciñanza”, dixo Mónica González.
O alcalde, José Antonio Pereira, comprometeuse a revisar esa partida, polo que os orzamentos foron aprobados cos 6 votos a favor de PSdeG e BNG e a abstención do PP.
Plan de Obras e Servizos da Deputación
Na sesión deste mércores tamén se aprobaron as actuacións que o Concello vai executar coa financiación do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña, e que se dividen en diferentes apartados.
O POS+, dotado con 654.960 euros, resérvase a gasto corrente. No POS+ Adicional inclúese a traída de auga ao Barro, que ten un orzamento de 94.852 euros.
O POS+ para gasto social extraordinario estará dotado con 68.428 euros e destinarase a reforzar os servizos sociais municipais, destinando as principais partidas á contratación de persoal e a financiar o servizo de axuda no fogar (SAF). Mónica González explicou que o investimento anual no SAF, na súa modalidade de dependencia, supera o medio millón de euros, “dos que Xunta e Deputación aportan algo máis de 340.000, polo que o Concello debe asumir case 200.000 euros anuais para manter este servizo esencial”.
O Plan adicional 3/2025, dotado con 117.306 euros, vaise destinar a reducir a débeda de máis dun millón de euros que o Concello ten coa Deputación da Coruña.
Na votación, o POS social e o Plan adicional 3/2025 foron apoiados por unanimidade, e o POS+ aprobouse cos votos a favor de PSdeG e BNG (6) e a abstención do PP (5). Andrés García Cardeso xustificou a abstención do PP por non estar de acordo con destinar todo o plan a gastos corrente e entender que deberían destinarse a metade a un plan de obras. O alcalde, José Antonio Pereira, replicoulle que ao destinar os 654.000 euros para gastos corrente “facilítalle ao concello axilizar a contratación de obras durante o ano”.
Recoñecementos extraxudicial de crédito
O primeiro Pleno do ano tamén serviu para aprobar dous recoñecementos extraxudiciais de créditos. Un deles, de 75.083 euros, está destinado a pagar as facturas da luz que están pendentes de aboar.
O segundo expediente, de 524.775,90 euros, permitiralle ao concello pagar facturas pendentes e reducir de xeito considerable a débeda de máis de 1,8 millóns de euros que o goberno que preside José Antonio Pereira herdou do anterior goberno do Partido Popular.
Estes dous expedientes aprobáronse cos 6 votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención do PP.
Festa da Filloa da Pedra de interese turístico
Na sesión aprobouse por unanimidade iniciar a tramitación do expediente para que a Xunta de Galicia declare Festas de Interese Turístico de Galicia a Festa da Filloa da Pedra da Baña.
A Festa da Filloa da Pedra cumpre cos requisitos establecidos pola Xunta para ser declarada de interese turístico de Galicia, ao ter máis de 20 anos de antigüidade (o 16 de febreiro celébrase a vixésimo primeira edición) e ser unha festa con características singulares, con arraigo popular e claro carácter participativo.
Durante o debate, Mónica González lembrou que na reunión celebrada en novembro, todos os colectivos e asociacións da Baña apoiaron a solicitude e se amosaron dispostas a colaborar para conseguir este recoñecemento.
Un historiador bañense está a elaborar un informe para destacar as singularidades da Festa da Filloa e, dende o Concello, xa se iniciou a recompilar fotografías antigas en colaboración coa veciñanza.
Moción do PP
A moción presentada polo Partido Popular para solicitar que o Goberno central permita aos concellos destinar o superávit de 2024 para financiar inversións, pagos a provedores e reducir débeda foi aprobada cos votos a favor do Partido Popular e do BNG e coa abstención do PSdeG.